Organizan en Ribadeo cursos para os exames Competencias Clave
O Concello de Ribadeo organiza cursos preparatorios para os exames de Competencias Clave Nivel 2 que se celebrarán en 2021. A inscrición estará aberta do 26 de marzo ao 16 de abril.
O alcalde ribadense, Fernando Suárez, anunciou que “desde o Concello consideramos sempre moi importante a impartición de formación básica no que se ven chamando Competencias Clave e que isto pode contribuír de maneira moi positiva na mellora do acceso ao emprego, sobre todo aquelas persoas que por mor da súa situación académica, por necesidades ou por que no seu momento non puideron acceder a ela e agora teñen oportunidade a través desta figura de Competencias Clave”.
O rexedor declarou que “visto que a Consellería de Emprego convocou unha serie de exames deste tipo para o ano 2021, queremos desde o Concello desenvolver uns cursos formativos nestas materias de Competencias Clave de Matemáticas nivel 2, de Lingua Galega nivel 2 e de Lingua Castelá nivel 2. Polo tanto, con fondos municipais, queremos levar adiante unha serie de cursiños para formar á xente para que teña un coñecemento mínimo para poder enfrontarse a estes exames cando lles toque”.
Suárez Barcia sinalou que “todas as persoas que son destinatarias son as que están empadroadas no concello de Ribadeo e que se matriculen nos exames de competencia clave do ano 2021 que fai a Xunta. O que teñen que facer, se queren acudir a esta formación que gratuitamente imos dispensar desde o Concello, é solicitalo na Casa do Concello, con copia do DNI e co xustificante de matrícula nos exames de Competencias Clave 2021, e o período será do 26 de marzo ao 16 de abril. Para obter máis información poden mandarnos un correo a orientacionlaboral@ribadeo.org ou achegarse ao Servizo de Orientación Laboral para darlles máis información”.