Organizan en Foz unha xornada de inspección da saúde do río Centiño
O sábado 26 de outubro, o departamento de Medio Ambiente do Concello de Foz organiza coa colaboración da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) unha xornada de inspección da saúde do río Centiño. Englobada dentro do Proxecto Ríos, de 10.30 a 13.30, o departamento de medio ambiente organiza unha actividade que permite coñecer o estado de saúde dos nosos ríos, neste caso, do río Centiño.
O Proxecto Ríos é unha iniciativa de concienciación, educación e participación cidadá en defensa dos nosos ríos, cordinado por ADEGA. Fundaméntase na realización de inspeccións do estado dos ríos galegos por parte de persoas ou grupos voluntarios a nivel local, co obxectivo final de facerse responsábeis da vixianza (adopción) do río que pasa polo seu municipio ou localidade. O Proxecto Ríos en Foz iniciouse no río Centiño na primavera de 2021 para as inspeccións periódicas e este outono imos realizar unha inspección retomando a toma de datos no lugar habitual.
Poñerán en marcha unha observación e recoñecemento do hábitat, unha valoración da calidade do bosque, unha análise fisicoquímica, así como a identificación de macroinvertebrados. Esta actividade é gratuíta mais é preciso inscribirse a través dun formulario. Os interesados poden contactar con Bibiana, educadora ambiental de ADEGA, no correo adegamarinha@adega.gal ou no 657 944 409.