OPP Burela declara o Amor ao Mar no seu calendario 2022
Despois da Fórmula da Felicidade en 2021, este ano a OPP-7 Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela declara o seu Amor Ao Mar como continuidade á campaña Cuando zarpa el Amor de promoción da Merluza de Burela que se lanzou nos últimos meses proclamando o amor ao mar, á tradición pesqueira e ao sabor dos produtos do mar.
A OPP do Porto de Burela presenta o seu novo Calendario 2022, no que se volve promocionar o consumo de peixe como unha das bases fundamentais dunha vida saudable, acompañando cada mes coa imaxe dunha das principais especies da lonxa de Burela e mensaxes que destacan os beneficios do consumo de peixe na nosa saúde.
Cada mes do novo calendario presenta unha mensaxe extraída de “DIETLÁNTICA”, o I Foro de Fomento de Consumo de Peixe, Alimentación Saudable e Sostible na Dieta Atlántica, que se celebrou o pasado mes de setembro organizado pola Fundación Dieta Atlántica, a Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia. Preséntase o peixe como o “tesouro do mar”, unha fonte excepcional de dieta cardiosaudable: «Non se trata só de vivir máis anos, senón con mellor calidade de vida».
O calendario deste ano 2022 conta coa participación dalgúns profesionais que colaboran coa Fundación Dieta Atlántica, como Rosaura Leis, profesora de Pediatría na USC; GI Nutrición Pediátrica no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS); Nutrición Pediátrica CHUS; Fundación DietaAtlántica USC; Guillermo Aldama López (Unidade de Cardioloxía do CHUAC, membro da Sociedade Española de Cardioloxía e da Fundación Española do Corazón; Ángel Gil, profesor catedrático de Bioquímica na Universidade de Granada; presidente da Fundación Iberoamericana de Nutrición (FINUT); Fernando Rodríguez-Artalejo, médico epidemiólogo, profesor catedrático de Medicina Preventiva e Saúde Pública na Universidade Autónoma de Madrid; e Gumersindo Feijóo, profesor catedrático de Inxeniería Química na USC; Fundación Dieta Atlántica USC.
Nesta nova edición do calendario aparecen reflexadas de novo as diferentes pesquerías que forman parte das frotas do porto de Burela, como o palangre de fondo en augas europeas, que pesca con anzol unha a unha a pescada do pincho, a cabra de altura, a palometa vermella, a bertorella ou o ollomol; o palangre de superficie no Atlántico, que pesca tamén individualmente o peixe espada e a tintorera; a frota boniteira do Cantábrico, que pesca os bonitos do norte ao Curricán, un a un con anzol; ou as frotas de cerco ou arrastre de litoral do Cantábrico, que traen cada día á lonxa de ABSA especies como a cabala, o xurel, o galo ou o peixe sapo.
Editáronse 4000 exemplares do almanaque, que se está distribuíndo coma sempre entre os socios de OPP Burela e ABSA, a través da Asociación de Exportadores Maioristas de Peixe da Mariña (ADEXMAR), da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo e de diferentes peixerías locais. A metade destes exemplares distribúense en Madrid e Barcelona entre os socios de Fedepesca (Federación Nacional de Asociacións Provinciais de Empresarios Detallistas de Peixes e Produtos Conxelados) e o Gremio de Pescaderos de Barcelona.
Esta acción de promoción inclúese no plan de produción e comercialización anual de OPP-7, coa cofinanciación da Xunta de Galicia e o Fondo Europeo e Marítimo de Pesca.