Opinión: Pepitas 2026

AMariñaXa | ACoruñaXa
A nova musical máis actual e mesmo 'Ma non troppo'
Julia-M.-Dopico-Vale-y-Pineiro
14 Mar 2026

Por Julia Mª Dopico Vale e Piñeiro

Como cada ano na véspera de San Xosé celébrase en Ferrol a tradicional Festa das Pepitas, na que os rondallistas, coas súas capas adornadas con coloridas escarapelas, animan as rúas coas súas cancións acompañadas de guitarras, bandurrias e laúdes. Trátase da cita musical que precede á Semana Santa e na que os cantores exaltan a beleza da muller ferrolá, ao xeito dos trobadores do amor cortés cos seus poemas dedicados a loar as virtudes da amada. Esta singular tradición celébrase desde hai máis de cen anos, o que lle valeu a declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia.

Para este 2026 está prevista a participación dunhas doce rondallas procedentes de Ferrolterra, Eume e Ortegal. A celebración comezará cunha gala no Teatro Jofre, onde terá lugar o acto institucional de homenaxe ás madriñas e aos rondallistas de honra, para despois dar paso á música na Praza de Armas. En cada edición as rondallas presentan partituras de nova creación, contribuíndo así a enriquecer o patrimonio inmaterial da cultura ferrolá. Particularmente, hónrame ter contribuído con dúas pezas, o valse Cantad a mi trovador e o pasarrúas Pasa el Lucero del Alba, xerándose a correspondente controversia sobre se eu era ou non a primeira, a segunda, a terceira ou etcétera, etcétera… muller en escribir música para as rondallas.

Son desas cousas que acontecen e que non sempre se chegan a aclarar, chegando á conclusión de que, como ben sabemos todos, a orde dos factores non altera o produto, e aí queda a miña humilde contribución para Ferrol e para o pobo ferrolán. Tamén continúa o debate arredor do papel feminino dentro das agrupacións, que antes foi como foi, condicionado polas circunstancias sociais da época, e que hoxe é como é, xa que a sociedade foi evolucionando —Ma non troppo—.

O importante é que nestes días se crea un ambiente especial en Ferrol, no que se goza dunha música que é querida e que quere a todos os ferroláns.

0.11503791809082