Opinión: Obradoiro de composición

AMariñaXa | ACoruñaXa
A nova musical máis actual e mesmo 'Ma non troppo'
Julia-M.-Dopico-Vale-y-Pineiro
8 Feb 2026

Por Julia Mª Dopico Vale e Piñeiro

A Real Filharmonía de Galicia celebrará no mes de maio a terceira edición do “Obradoiro de Composición de Obras Sinfónicas”, cumprindo así a súa terceira edición. Será mediante intensas xornadas nas que os seleccionados Arsen Babajanyan ‒Armenia‒, Mar Caballer Llopis e Humberto Díaz Galindo ‒España‒, Maria Vincenza Cabizza ‒Italia‒, John Franek ‒EE. UU.‒ e Andrés Poveda ‒Colombia‒, traballarán cunha orquestra dirixida por Armando Merino, o destacado director especializado en repertorio contemporáneo cunha grande actividade en Centroeuropa: colaborador co Ensemble Modern e director na Ópera Halle, e coa orientación pedagóxica de José Manuel López López ‒profesor de composición do Conservatorio Edgard Varèse e do Taller de Composición da Universidade de París VIII‒.

Os mozos compositores poderán ensaiar as súas obras, debater cuestións técnicas e artísticas e afondar no coñecemento do traballo orquestral desde o contexto da propia orquestra. Unha experiencia altamente enriquecedora, xa que isto non se brinda habitualmente nos comezos das carreiras profesionais. A culminación deste traballo será co concerto para o Gran Público no que se interpretarán as obras dos autores citados e que terá lugar o venres 8 de maio no Auditorio de Galicia. O proxecto parte da Real Filharmonía en colaboración co “Festival Resis de Música Contemporánea” da Coruña, que integra propostas vangardistas con diferentes linguaxes artísticas.

Deste xeito reafírmase o compromiso da Filharmonía co apoio decidido ao talento emerxente, a renovación de repertorios e o fortalecemento do mundo musical, algo desde o meu punto de vista moi encomiable tanto no orbe da música académica como no da popular, xa que ambas levan convivindo e retroalimentándose desde… ¿A súa orixe…? Si, desde entón‒.

⚙ Configurar cookies
0.093755006790161