Opinión: O Poder das raíces

Por Julia Mª Dopico Vale e Piñeiro
O próximo día 4 de marzo chega á sede do Real Coro Toxos e Froles de Ferrol a exposición “A Pandeireta Galega. Actualización dun instrumento ancestral”, que poderá visitarse ata o día 27; a mostra iniciarase cun acto no que se falará deste antigo instrumento enmarcado na cultura galega, xa que os orixes do “tympanum”, “adufe”, “tabir”, etc., sitúannos na antiga Anatolia–Mesopotamia, Exipto…– arredor do 5.800 a. C., sendo a pandeireta introducida en Europa na Idade Media, parece ser polos cruzados, e estendéndose o seu uso a través de trobadores e xoglares que deixan a súa pegada profunda na lírica de Gallaecia, onde prende a tradición trobadoresca con estilo propio e inconfundible, pronunciado nas nosas cantigas.
Séculos de pandeiretas resonando polos camiños en voces lexendarias que perduran a través do folclore, chegando a incorporarse incluso no elenco percusivo da orquestra sinfónica “scelte”. Daquelas voces anónimas milenarias case nada se conserva, agás gravados, representacións escultóricas, algunha documentación e cancioneiros.
A inauguración correrá a cargo de Rosario Álvarez, presidenta do CCG, Luciano Pérez, presidente do Toxos, e Suso Vaamonde, músico e investigador, para continuar co relatorio “O instrumento hoxe: Método e novas técnicas tradicionais”, no que participarán o luthier Xosé Maceda, o mestre gaiteiro Arturo Lamas e Ricardo Polín, historiador e doutor en filoloxía; mostrando ademais os primeiros estudos acústicos do instrumento e o método “Nova Técnica da pandeireta galega”, seguido dunha segunda exposición na que Mercedes Autrán Romero falará das Pandereteiras de Rois, que “simbolizan a quinta esencia espiritual dun arte milenario”.
A xornada rematará coa actuación das Cantareiras do Toxos e Froles, que evocan a lenda que di que o demo puxo as espiñas ao toxo e Deus enchéo de flores. Esas flores venerables e humildes que iluminan como sóis radiantes as terras de Galicia.