Opinión: Nada é fráxil

Por Julia Mª Dopico Vale e Piñeiro
O nove de xaneiro tivo lugar no Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol o acto de clausura da exposición do pintor Ricardo Segura Torrella (1927-2000), nado no seo dunha familia vencellada ao mar, nun percorrido incomparable dun singular “camiño” no que eu mesma me enraízo, en consonancias e harmónicos incandescentes que fan centellar, coma un faro luminoso —¿será o de Breogán?— a miña contemplación admirada ante os cadros magníficos do pintor, que recibe a súa primeira formación na Escola de Artes e Oficios de Ferralium —lugar de ferro— e da man do pintor Felipe Bello Piñeiro. A súa primeira exposición ten lugar aos 15 anos xunto a artistas consagrados como Sotomayor ou Valentín Castro, para continuar logo o seu periplo por toda España, Portugal e Londres.
Máis de tres mil persoas acudiron a contemplar os cadros da exposición comisariada por Suso Bastarrechea, artista, profesor, político… o torbeliño de ideas propio das mentes creadoras e canalizador para que a mostra tivese lugar a través do Concello, nunha aposta por poñer en valor o ferrolán e o galego, como sinalaba o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presente no evento. Destacou tamén a responsabilidade asumida por Helena Segura Torrella, filla do pintor, quen xestionará o legado artístico herdado de quen foi e segue a ser “profeta na súa terra” e a quen, como ela mesma expresaba, “debemos lembrar… aínda que a súa obra non pertence unicamente ao pasado. Segue dialogando co presente e achegándose ás novas xeracións, o que é garantía de que perdure no tempo”.
Si. O tempo, ese filtro que distingue “o que si e o que non”, en todas as cuestións da vida e da arte, facendo perdurar tan só aquilo que é digno de ser lembrado, como me atrevo a augurar que acontecerá con Segura Torrella, porque nel hai maxia, misterio, memoria, talento, coñecemento, técnica, crítica social, espiritualidade, tradición, música e… amor. Todo o necesario para ser promesa de eternidade.