Opinión: Música para salvar vidas

Por Julia Mª Dopico Vale e Piñeiro
“MÚSICA PARA SALVAR VIDAS” é unha organización sen ánimo de lucro que une España e Uganda a través da educación, a cultura, a arte e, especialmente, a música e a danza, e que ten como obxectivo a rehabilitación, a educación e o apoio a nenos e nenas en situación de vulnerabilidade ata que poidan acadar unha vida profesional digna. “Unha comunidade vibrante, chea de esperanza, talento e superación” que atopa tamén resonancia en Mondoñedo, “un dos pobos máis fermosos de España”, situado na Mariña Central, no Camiño do Norte, que bordea a rexión cantábrica coa súa historia milenaria.
A música e a danza son os fíos condutores e a principal fonte de recursos da ONG grazas a concertos, espectáculos e ao talento dos artistas vinculados a ela, comprendendo e mantendo viva a capacidade transformadora da arte musical, tal e como a concibiu no seu día o doutor Abreu, cuxo modelo alcanzou magníficos resultados en Venezuela, de onde xurdiron profesionais que hoxe son figuras de excelencia no panorama da música académica mundial.
Agora, porén, esta fermosa “melodía de esperanza” lévanos a Uganda, onde o ritmo se converte na máis bela sinfonía en conexión viva coa natureza, coa alma, coa comunidade, cos devanceiros e cos deuses do máis alá, invocando con forza a fertilidade e a protección.
En Mondoñedo, na Finca de San Antonio —o “Santiño Probe”, Doutor da Igrexa e “Arca do Testamento”— celebrouse unha Cea Solidaria en beneficio de “Música para Salvar Vidas”, na que se contou coa actuación do grupo ABBA TAANO, integrado por cinco voces, entre elas a do seu director, Ssenteza Derrick, e que, “a capella”, ofrecen “góspel e moito máis”. Ao mesmo tempo están a realizar unha xira pola Mariña, que conclúe o día 7 no Teatro Pastor Díaz de Viveiro: “Voces de Uganda que revolucionan o góspel africano en Europa”.