Opinión: Música no Día da Muller

Por Julia Mª Dopico Vale e Piñeiro
Día 8 de marzo. Un día para poñer en valor a todas as mulleres que, lonxe dos roles establecidos historicamente e ata a actualidade, se valeron ou se valen por si mesmas moito antes das representacións paritarias. Casos contados, e máis se atendemos ao mundo da música, no que a primacía foi sempre masculina, sendo as mulleres excluídas sistematicamente por seren estigmatizadas e consideradas “inferiores, débiles, emocionais e moralmente máis propensas ao pecado”, esquecendo os “señores” que todos e cada un deles se xestaron no ventre dunha muller e que delas naceron; resultando ademais que unha vida sen desexo, desde as distintas perspectivas psicolóxicas e filosóficas, se asocia co baleiro existencial, sendo a propia natureza a que rexe este principio e ela, a natureza, réxese tan só a si mesma.
Na arte musical, as propias musas son deidades femininas, como tamén é unha muller Santa Cecilia de Roma, a patroa da música; e as mulleres compositoras, que as hai historicamente con nome propio como Safo de Lesbos, a “compañeira do que fose belo”; a Docta Puella Cintia; María A Balteira, a notable soldadeira galega famosa na corte de Afonso X “o Sabio”, á que el cantou; Hildegarda von Bingen, recoñecida como santa e doutora dentro da Igrexa; Francesca Caccini, a compositora da ópera máis antiga; Barbara Strozzi, que tiña máis música impresa ca calquera outro compositor da época; Fanny Mendelssohn, irmá de Félix, que a chamaba “Minerva”; ou Clara Wieck, esposa de Robert Schumann, a pianista máis destacada do século romántico.
Hoxe, Día da Muller, celébrase no Teatro Jofre unha gala na que se renderá homenaxe á ferrolá María Manuela Díaz Orjales, que recibirá o XVIII Galardón 8M pola súa destacada traxectoria artística ligada ao seu compromiso social; algo que na actualidade, e afortunadamente, se recoñece. Parabéns!