Opinión: Música e poesía en Burela

Por Julia Mª Dopico Vale e Piñeiro
En Burela, a vila mariñeira da Mariña Central pola que discorre o “Camiño do Mar”, a ruta que une Ribadeo con Ferrol cara á Cidade Santa de Compostela, volveron soar os versos da “musa dos pobos”, Rosalía de Castro, quen xunto con Pondal e Curros configurou a triloxía que alumou “O Rexurdimento”, a etapa romántica da literatura e da música de Galicia tras os “séculos escuros”, froito da política dos Reis de Castela, silenciadores da voz gloriosa do Galiciae Regnum —hoc ic misterium fidel fimiter profitemur—.
Unha lírica que se manifestara esplendorosamente nas cantigas galego-portuguesas, froito da poesía autóctona e da tradición cortesá provenzal, empregando o idioma do que se serviu mesmo Afonso X “O Sabio”, xa que era unha lingua “de grande prestixio para a composición poética”.
Na antiga Burela —dicía—, bañada polas insondables augas do mar Cantábrico e onde se mantén desde tempos milenarios unha importante frota mariñeira e tamén a arxila branca, o “barro” do caolín, Amancio Prada cantou poemas de Rosalía celebrando os 50 anos da edición do seu disco Rosalía de Castro: “Celebrar medio século dun álbum é celebrar a viaxe de toda unha vida.
É unha peregrinación sonora ao corazón da súa poesía, sendo ese álbum a brúxula que guiou a súa traxectoria... atesoura a devoción do primeiro día e a sabedoría de quen fixo dos versos doutro o seu propio fogar”. E así é, sen dúbida.
Aínda abrigan na memoria de Rosalía outros versos que lle foron dados por aqueles “bos e xenerosos” que evocaba Pondal en Os pinos, e que Curros, tan cristalino como no seu poema narrativo A Virxe do Cristal, pronunciaba:
“... A musa dos pobos que vin pasar eu / comesta dos lobos / comesta se veu...
Os ósos son dela / que vades gardar.
Ai dos que levan na fronte unha estrela!,
Ai dos que levan no bico un cantar!”.
Boa ruta e ata sempre.