Opinión: Museo Cidade Ferrol

AMariñaXa
A nova musical máis actual e mesmo 'Ma non troppo'
Julia-M.-Dopico-Vale-y-Pineiro
2 Nov 2025

Por Julia Mª Dopico Vale e Piñeiro

O vindeiro mércores, día 5 de novembro, promovida pola “Asociación do Museo Cidade Ferrol”, terá lugar a actividade “Encontro cos Museos de Ferrol” no histórico Centro Cultural Torrente Ballester, situado no barrio da Magdalena —María, a de Magdala, preto do mar de Galilea— e construído no ano 1783 como sede do Santo Hospital de Caridade; confraría da que se ten constancia desde o século XV e que foi rehabilitada en 1993, cando era alcalde Manuel Couce Pereiro, inaugurándose daquela cunha exposición sobre a vida e obra de Concepción Arenal: ¡A la virtud, a la vida, a la ciencia!

O “Torrente” conta ademais cun anexo que foi antiga capela, no que se desenvolven actividades culturais como concertos, conferencias, presentacións de libros ou representacións teatrais. É neste lugar onde xorde o meu vencello especial coa “cidade de ferro”, a das “áncoras primitivas”, a do “faro guía” e a dos “portos próximos” que conforman o Portus Magnus Artabrorum ou Golfo Ártabro, tal e como o denominou Ramón Otero Pedrayo. Eu cheguei desde a tan antiga Brigantium, iluminada pola Torre de Hércules, —heroe cuxa vida estivo marcada pola dificultade e o perigo— confluíndo estas e outras cuestións entre mares e océanos e guiada, quizais, pola Rosa dos Ventos para descubrir a orixe de figuras tan antagónicas como o Caudillo e Pablo Iglesias, Canalejas, Torrente Ballester, Carvalho Calero, Sofía Casanova ou Ramón Franco, a quen se lle atribúe o primeiro voo transatlántico no Plus Ultra. Porén, o verdadeiro “home paxaro galego” é José Piñeiro González, que tocaba o mar co seu avión no chamado voo da gaivota.

Neste encontro do día cinco participarán o Museo Naval Exponav, o Museo de Historia Natural, o Museo da Semana Santa e o Museo de Cerámica de Esmelle.

Todo para axudarnos a coñecer mellor a historia que… non debe ser esquecida.

⚙ Configurar cookies
0.092578172683716