Opinión: Fin de ano en Santa Emilia

Por Julia Mª Dopico Vale e Piñeiro
A vindeira gala que terá lugar no mindoniense Pazo de Santa Emilia ‒casa indiana construída en 1924‒ celebrarase o próximo sábado día 27 de decembro, cando soará “a alma do Barroco”, a música selecta deste período de marcado carácter aristocrático, recreada na súa plenitude a través dos compases de grandes compositores como Händel, considerado unha das figuras cumio da historia e un dos autores máis influentes da música occidental; Telemann, o máis prolífico do seu tempo e tamén o máis popular en vida; e J. S. Bach, a cume absoluta, un dos máis grandes músicos de todos os tempos, ata o punto de que a súa morte en 1750 marca o final desta etapa e o inicio dunha nova, o clasicismo.
Bach concentra na súa obra toda a esencia da música barroca e achega contribucións de enorme relevancia á música académica occidental, tanto desde o punto de vista teórico como estético. Destacan especialmente o profundo dramatismo, os contrastes dinámicos, o movemento e unha emoción intensa e contida, capaz de sorprender, conmover e estremecer o público.
Iso é o que, con toda probabilidade, acontecerá en Santa Emilia da man do clavecinista ourensán Avelino Vázquez Groba, especialista en baixo continuo, que traerá desde Cambridge o seu clavicordio, adquirido nunha antiga igrexa londiniense, e de Manuel Morales, especialista en frauta traveseira barroca. Ambos son intérpretes cunha ampla traxectoria internacional e recoñecidos investigadores da música deste apaixonante período, que nos trasladará a outros tempos en Mondoñedo, a cidade “rica en pan, auga e latín; un lugar onde o tempo parece deterse, cheo de silencio, tradición e lendas… converténdose nun escenario case máxico e nun paraíso persoal que evoca nostalxia, ledicia e a esencia de Galicia”, tal e como afirmou un dos grandes da nosa literatura, don Álvaro Cunqueiro, mestre da narrativa fantástica ‒en todas as súas acepcións‒ e gran coñecedor desta enerxía telúrica da cidade que, in crescendo, se acentúa coa música. E así sexa.