Opinión: Festival Bal y Gay

AMariñaXa | ACoruñaXa
A nova musical máis actual e mesmo 'Ma non troppo'
Julia-M.-Dopico-Vale-y-Pineiro
12 Apr 2026

Por Julia Mª Dopico Vale e Piñeiro

A XIII Edición do Festival Bal y Gay de Música xa está en marcha desde a súa recente presentación no Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela, anunciando catorce concertos que terán lugar do 5 ao 21 de agosto de 2026, percorrendo parte da provincia de Lugo e os seus enclaves naturais e arquitectónicos de singular e destacada beleza.

O evento, que nace en 2014 poñendo en relevo o nome do compositor, musicólogo e crítico musical lucense Jesús Bal y Gay (1905-1993), ofrecerá catorce concertos de música clásica que comezarán coa agrupación belga Vox Luminis, de 'refinamento sempre sublime', interpretando na Catedral arrodillada motetes de J.S. Bach, a máxima expresión do Barroco alemán.

Presente o recordo a Manuel de Falla, co seu inesquecible Amor Brujo no 150 aniversario do seu nacemento, e o concerto Falla Imaginado. Auxiliadora Toledano establecerá a ponte melódica do lied europeo e latinoamericano; soarán o violín de Alexandra Preucil, xunto coa viola de A. Tamestit, interpretando fundamentalmente a Bartók e apuntando cara ao piano romántico de Grigory Sokolov, considerado un dos maiores pianistas vivos, tanto pola súa técnica como pola súa espiritualidade.

Estará, como é habitual, a Real Filharmonía de Galicia, dirixida na ocasión por César Ramos, o director asistente da presente tempada, que foi tamén director da Orquestra Sinfónica de Matanzas e da Orquestra Nacional de Cuba; o bel canto do tenor ítalo-arxentino Santiago Ballerini e da soprano Berna Perles, acompañados polo piano de Javier Carmena. La Ritirata, agrupación de gran prestixio especializada na interpretación de música antiga, creada por Josetxu Obregón, tocará célebres compases de Boccherini; a Orquestra do Principado de Asturias e máis.

O encontro musical de cada verán permanece achegando música de calidade ao gran público, converténdoo nunha obrigada cita estival… á beira do mar.

0.11431908607483