Opinión: Ferrol no pasado

Por Julia Mª Dopico Vale e Piñeiro
No Centro Cultural Torrente Ballester, este venres día 20, organizada pola Asociación de Amigos do Museo da Cidade de Ferrol, tivo lugar a inauguración da exposición “Ferrol no pasado. A vida cotiá”, patrocinada polo Concello e pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.
Unha espléndida mostra que poderá visitarse durante dous meses e que contará mesmo con visitas guiadas polos seus comisarios: o destacado historiador e divulgador Guillermo Llorca Freire e a tamén prestixiosa Esperanza Piñeiro de San Miguel, recentemente distinguida por unanimidade o día de San Xiao como “Ferrolá do Ano 2025”. Centos de pezas conforman a totalidade da exposición: cadros, fotografías, libros… procedentes de institucións públicas, entidades privadas e particulares que, de xeito altruísta, cederon as súas pertenzas para que o público poida contemplar obxectos que reconstrúen a historia da cidade e, por tanto, a das súas xentes vencelladas ao mar, como na antiga Mari, ás beiras do Éufrates e no seu enclave comercial estratéxico.
A quen somos “marítimos” isto moldéanos a personalidade, marcada loxicamente pola bioloxía, pero tamén polo sedimento histórico que deixa cada cultura, construíndo así individuos, pobos, cidades, nacións e etnias tan persoais como universais. A Asociación de Amigos do Museo, presidida por Nona Inés Vilariño, mantén como obxectivo principal impulsar a historia e o patrimonio de Ferrol —para algúns, cidade de ferro; para outros, de faros e farois—, sendo esta exposición unha clara evidencia diso: “Res facta”.
Non podía faltar entre os seus múltiples espazos o dedicado á música e, con ela, á tradición coral da cidade: “Ferrol ama a canción” —dígoo sempre— e, xunto á canción, a tradición de gaiteiros, pandeiretas e rondallas, estas últimas elemento distintivo e singular, manifesto na celebración da festa das Pepitas, derivada probablemente da canción de ronda e aquí dedicada en exclusiva á muller ferrolá. Que máis dicir. Non perdan a exposición!