Opinión: Encantados

AMariñaXa
A nova musical máis actual e mesmo 'Ma non troppo'
Julia-M.-Dopico-Vale-y-Pineiro
21 Dec 2025

Por Julia Mª Dopico Vale e Piñeiro

Como é habitual nestas datas do Nadal, a Asociación Lírica Encantados, dirixida pola profesora superior de canto Diana Somkhieva, procedente de Iereván, capital de Armenia, e asentada na antiga Gallaecia desde hai anos, ofrecerá o seu tradicional Concerto Lírico do Nadal, no que intervirán promesas do canto lírico galego, seguindo os principios da Asociación, que ao longo destes anos vén celebrando a integración de intérpretes no panorama lírico internacional, representando así a nosa galeguidade lírica.

Nesta ocasión participarán no concerto Cecilia Cueto, José Carballido, Marta López, Víctor Gómez, Ariadna Gómez, Gonzalo Bazarra, Andrea Varela —vinculada estreitamente con Ferrol e cunha estimada familia de melómanos— e Noa Outomuro, interpretando un repertorio clásico con obras de Händel, Tosti, Bellini, Rossini, Mozart e Saint-Saëns, así como repertorio español, con música de Arieta e Sorozábal; todos eles acompañados pola repertorista Meri Somkhieva, de grande profesionalidade.

Este concerto, de alto valor artístico e promocional, celebrouse durante moitos anos no emblemático Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, presidido pola pintura da deusa Minerva, portadora da sabedoría e da arte; mais nesta ocasión terá lugar o sábado día 27 no Círculo de Artesáns da Coruña, Ateneo Galego ao que eu mesma pertenzo, contribuíndo sempre, e na medida das miñas posibilidades, a favorecer tanto con participacións propias, tan gratamente acollidas, como servindo de ponte para a actuación doutros artistas, como é o caso de Diana Somkhieva, coa que compartín momentos de vida e de arte.

Lembro especialmente actuacións musicais co Dúo Lyrica’s, pertencente á A.C. Brigantia, na celebración do Día das Letras Galegas no Teatro de Beneficencia de Ortigueira ou na Basílica de San Martiño de Foz, enclave histórico que fala do pasado milenario de Galicia. Éxitos, Encantados, valorando o voso tesón e perseveranza.

⚙ Configurar cookies
0.080996990203857