Once concellos da provincia terán máis servizos de roza de maleza para as estradas
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo licitará o contrato dos servizos de roza de maleza nas estradas provinciais de 11 concellos da provincia por importe de 218.129,34 euros para a anualidade do 2025, con opción dunha prórroga por un ano máis.
Concretamente, este contrato afecta aos lotes 2, 6 e 22 que corresponden cos municipios de Burela, Cervo, Foz, O Valadouro e Alfoz; A Pontenova, Riotorto e A Pastoriza; e Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Sil, respectivamente.
No que ten que ver cos contratos, aprobouse tamén a adxudicación da subministración dos equipos de impresión, copia e escaneo da institución provincial.
Resultou adxudicataria a empresa Solitium SL por un prezo de 446.925,6 euros por un período de dous anos, coa posibilidade de prórroga anual ata un máximo de dous anos adicionais.
Tamén quedou adxudicada a contratación dos servizos de comunicacións da rede interadministrativa provincial da Deputación e que inclúen telefonía, datos e acceso a internet por 1.128.828,36 euros. A adxudicataria é Telefónica Soluciones de Informática y Comunicaciones de España SAU e a duración do contrato será de dous anos, prorrogables por outros dous ata un máximo de catro anos.