Olimpia López coordina o operativo de seguirdade pola eclipse total do 12 de agosto nos concellos da Mariña

AMariñaXa
A Mariña lucense sitúase como unha das áreas de maior visibilidade da eclipse, o que podería converter a comarca nun punto de especial concentración de visitantes
xunta-seguirdade-eclipse-a-mariña
7 Apr 2026

A Subdelegación do Goberno en Lugo iniciou a coordinación coas administracións locais da Mariña de cara á eclipse total de sol prevista para o 12 de agosto de 2026, un fenómeno que se prevé que xere unha importante afluencia de persoas á zona. A subdelegada do Goberno, Olimpia López, presidiu martes luns a xunta de seguridade celebrada no salón da Compañía da Garda Civil de Burela, na que participaron representantes dos concellos de Burela, Viveiro, Alfoz, Cervo, Foz, A Pontenova, Lourenzá, Barreiros e Trabada, así como responsables das forzas e corpos de seguridade do Estado e doutros organismos implicados.

Durante o encontro, avanzouse na planificación dos dispositivos de seguridade, mobilidade e emerxencias que se activarán con motivo do evento astronómico.

A Mariña lucense sitúase como unha das áreas de maior visibilidade da eclipse, o que podería converter a comarca nun punto de especial concentración de visitantes. “A provincia de Lugo será un dos territorios privilexiados para a observación da eclipse, especialmente na zona da Mariña, onde o fenómeno poderá observarse durante máis tempo e en condicións óptimas”, sinalou López, que incide en que “estamos ante un acontecemento excepcional que require planificación, colaboración e coordinación para garantir a seguridade e que a cidadanía poida gozar desta experiencia en condicións axeitadas”.

Un dos puntos centrais da reunión foi a coordinación cos concellos, aos que se lles solicitou a identificación de posibles puntos de observación que reúnan condicións axeitadas de visibilidade e capacidade para acoller persoas. Esta información permitirá organizar con antelación os dispositivos de seguridade, regular o tráfico e reforzar os servizos de emerxencia nas zonas con maior concentración.

No relativo á mobilidade, recomendouse planificar os desprazamentos con antelación e evitar viaxar o propio día da eclipse, debido á previsión de elevada intensidade de tráfico. Tamén se fixo fincapé na necesidade de extremar a precaución na condución, tendo en conta a escuridade repentina que provocará o fenómeno. Así mesmo, animouse a descargar a aplicación AlertCops, que facilita a comunicación de incidencias coas forzas e corpos de seguridade.

En canto á observación do fenómeno, as autoridades lembraron que non se debe mirar directamente ao sol sen protección adecuada e que é imprescindible o uso de lentes homologadas para evitar danos oculares.
A eclipse total de sol do 12 de agosto de 2026 será a primeira das tres previstas en España nos próximos anos, dentro do denominado “Trío de Eclipses 2026-2027-2028”, que situará Galicia e, especialmente, a provincia de Lugo, como un dos principais puntos de observación deste tipo de eventos astronómicos.

0.12920188903809