Olimpia López chama a defender a Constitución como “a arca común que garda a nosa convivencia democrática”

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, presidiu hoxe na Subdelegación o acto institucional polo 47º aniversario da Constitución Española, unha conmemoración que forma parte dos actos dos 50 anos de España en liberdade. No seu primeiro Día da Constitución como subdelegada, chamou á responsabilidade compartida das institucións e da cidadanía para protexer os valores democráticos que fixeron posible “a etapa máis longa de liberdade e dereitos do noso país”.
López advertiu de que, igual que lembraba recentemente o delegado do Goberno en Galicia, “non hai dereito democrático que sexa inmutable nin suficiente se non o blindamos co compromiso diario”. Subliñou que a Constitución foi posible “porque quen pensaba diferente puxo o ben común por diante”, e defendeu que ese espírito segue sendo indispensable hoxe.
Durante o acto, a subdelegada introduciu unha reflexión persoal vinculada á súa experiencia profesional no ámbito dos arquivos. Explicou que, igual que ocorre nos fondos documentais, a Constitución “é a arca común que garda o noso pacto democrático”, e que a súa fortaleza depende de que a sociedade a coide, a interprete con honestidade e a protexa das distorsións interesadas.
Olimpia López advertiu do risco do relato falseado, lembrando que quen traballa coa memoria sabe que “a verdade é a peza esencial para preservar a convivencia”. Neste marco, insistiu na importancia de reforzar a pedagoxía constitucional, especialmente entre a mocidade, para que poidan recoñecer o valor da democracia e comprender o que significou vivir sen ela.
A Constitución como texto vivo que require acordos
A subdelegada puxo en valor a capacidade de adaptación da Constitución, lembrando que “non é un monumento petrificado, senón un texto vivo que debe actualizarse para responder aos cambios sociais”. Destacou que as reformas recentes demostran que “só o acordo entre diferentes fai avanzar a sociedade”, e contrapuxo ese camiño ao dos discursos que alimentan a crispación e o enfrontamento.
López subliñou que o deber das institucións é “manter o diálogo e a responsabilidade compartida como ferramentas para garantir a estabilidade” e defendeu que o consenso é “a expresión máis poderosa da madurez democrática”.
Igualdade e dereitos
Un dos bloques centrais da intervención estivo dedicado á igualdade entre mulleres e homes. A subdelegada lembrou que a defensa da igualdade é unha das grandes conquistas da democracia e alertou de que “a violencia machista continúa sendo a expresión máis extrema da desigualdade estrutural”.
A subdelegada actualizou os datos deste 2025, nos que 41 mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou exparellas e 22 menores quedaron orfos. Desde 2003, 1.336 mulleres perderon a vida pola violencia de xénero, e desde 2013 65 nenos e nenas foron asasinados e 491 quedaron orfos.
López recalcou que esta violencia vulnera os dereitos máis fundamentais e que debe ser combatida “con toda a firmeza do Estado de Dereito”. Recordou as palabras de Simone de Beauvoir sobre os retrocesos nos dereitos das mulleres e insistiu en que “a vixilancia é imprescindible para que ninguén cuestione o que custou décadas conquistar”.
50 anos de liberdade e compromiso coa cidadanía
Olimpia López chama a defender a Constitución como “a arca común que garda a nosa convivencia democrática”Para finalizar, a subdelegada puxo en valor dereitos recollidos na Carta Magna como a vivenda digna, a educación pública, a sanidade universal e a protección das persoas maiores, principios que “deben traducirse en realidades tanxibles para toda a cidadanía e non quedar só no papel”.
López concluíu lembrando que celebrar a Constitución é renovar o compromiso coa democracia, coa igualdade e coa convivencia: “Seguiremos traballando desde o Goberno de España e desde esta Subdelegación para que cada dereito recollido na Constitución se cumpra na vida das persoas”.
O aniversario da Constitución Española enmárcase nos actos de celebración dos “50 anos de España en Liberdade”, que se realiza baixo o impulso da Subdelegación do Goberno en Lugo e o Comisionado para a Celebración dos 50 anos de España en liberdade.