Oito persoas feridas en Burela nun atropelo múltiple

AMariñaXa
O sinistro produciuse durante a celebración das festas patronais
helicoptero-061
30 May 2025

Oito persoas resultaron feridas esta tarde durante as festas de Burela nun atropelo múltiple ocorrido sobre as 16.20 horas na explanada das festas.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) recibiu entón un aviso de que un turismo levara por diante a varias persoas. As ambulancias e o helicóptero medicalizado do 061 desprazáronse ata lugar para atender aos feridos.

O causante sería un octoxenario que conducía un turismo e que, tras chocar cun obstáculo, desviouse da súa traxectoria, atropelando a oito persoas.

A policía local e a Garda Civil investigan agora o ocorrido. Os feridos foron trasladados ao Hospital da Mariña, un deles en estado crítico.

Carmela López, rexedora burelesa, comunicou que "ante a gravidade do sucedido, convoquei ao equipo de goberno, ao presidente da comisión de festas, ao xefe da Policía Local, ao capitán da Garda Civil e aos voceiros da oposición para compartir información, avaliar a situación e tomar as decisións que tocan con responsabilidade, serenidade e unidade".

"Estou en contacto directo coas familias, no lugar dos feitos e tamén no hospital, acompañando e ofrecendo todo o apoio que está nas nosas mans”, sinalou López.

“Como alcaldesa de Burela, quero trasladar en nome do Concello todo o apoio e forza ás persoas feridas no atropelo múltiple ocorrido esta tarde nas inmediacións do porto, en pleno desenvolvemento das nosas festas patronais, así como ás súas familias, que están a vivir momentos de enorme preocupación", engadiu.

⚙ Configurar cookies
0.13615894317627