Obradoiros interxeracionais achegan a vida mariñeira á mocidade de Burela

AMariñaXa
O proxecto “Xeración Peixe” combina encontros con persoas maiores, recollida de historias e actividades educativas para fomentar a sostibilidade e o patrimonio pesqueiro
burela-encontro-xeracions-peixe-2026
26 Mar 2026

Nas primeiras semanas de marzo celebráronse en Burela os obradoiros interxeracionais do proxecto “Sostibilidade da actividade pesqueira e consumo responsable”, promovido pola Fundación Expomar e financiado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura 2021-2027 e o GALP A Mariña-Ortegal.

O primeiro encontro desenvolveuse no centro de día ‘Coidando de Vós’ o 5 de marzo, no que cinco usuarios foron entrevistados por seis mozos do grupo de participación da Casa da Xuventude. O segundo tivo lugar o 18 de marzo na Residencia de Maiores, coa presenza de Mario Pillado, tenente de alcaldesa, e José Manuel González ‘Brais’, xerente da Fundación Expomar. Alí, seis persoas usuarias compartiron experiencias vitais, incluíndo relatos de mulleres de mariñeiros e dun mariño caboverdiano sobre emigración.

Estes obradoiros permitiron á mocidade descubrir historias de vida mariñeira, naufraxios e receitas tradicionais, recollendo contos, lendas e elementos do patrimonio inmaterial da vila.

O proxecto “Xeración Peixe” abrangue diversas actividades interxeracionais, desde centros de ensino ata centros de maiores e de inclusión social. O venres 27 realizarase a última actividade de limpeza de praias co IES Monte Castelo, tras as realizadas con alumnado do IES Perdouro e dos CEIPs Vista Alegre e Os Castros, en colaboración con Gaia, departamento ambiental do concello.

Todas as iniciativas do proxecto, que se iniciaron en outubro, culminarán no “Congreso da infancia e a adolescencia”, que se celebrará o 30 de abril na Casa da Cultura de Burela, onde se expondrán relatorios, mostras de artesanía, cultura, literatura e gastronomía derivados das actividades realizadas.

0.13523411750793