O XXXIX Festival San Bartolo encherá Xove de música e baile tradicional

O pavillón municipal de Xove converterase o vindeiro venres 30 de agosto, a partir das 19:30 horas, nun escenario privilexiado para o encontro entre culturas a través da música e do baile tradicional. O XXXIX Festival San Bartolo, organizado pola Asociación Cultural Saiñas, ofrecerá unha velada na que as raíces galegas e as tradicións mallorquinas se darán a man.
A agrupación xovense compartirá escenario coa Agrupación Folklórica S’estol Porrerenc, procedente de Mallorca, nun espectáculo que permitirá ao público viaxar, sen saír da Mariña, por costumes e ritmos doutras terras. “Será unha ocasión única para coñecer e gozar doutras tradicións, pero tamén para reivindicar e poñer en valor as nosas”, destacan desde a organización.
A Asociación Cultural Saiñas subliña a ilusión con que preparan esta nova edición, que suma case catro décadas de historia e que se consolidou como unha das citas imprescindibles das festas de San Bartolo. Con entrada libre, o festival promete unha noite chea de cor, música e convivencia, na que non faltará a alegría característica destas celebracións.