O XXIV Mercado Medieval de Alfoz xa ten pregoeira
Ana Lorenzo será a pregoeira do XXIV Mercado Medieval de Alfoz. Natural de Alfoz, licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela e xornalista dos informativos de Televisión Española, Ana é tamén unha peza clave na construción dos inicios deste Mercado Medieval.
No 2000 foi a primeira muller en interpretar o papel de Sabela de Castro, dona do Mariscal Pardo de Cela. Máis de dúas décadas despois, volverá a tomar a palabra diante da Torre Fortaleza pero, desta volta, para darlle inicio ao día grande do XXIV Mercado Medieval de Alfoz.
Despois, o seu nome quedará inscrito para sempre na "Lousa das Palabras", como recordo perpetuo dunha alfocense que foi quen de converterse nun referente do xornalismo na nosa rexión. Será o sábado 20 de xullo ás 11.45 horas e, a partires de aí, unha morea de actividades para vivir de novo a historia e a lenda que rodea o Castrodouro.