O XV Encontro de Palilleiras de Burela reivindica a artesanía e o patrimonio cultural

AMariñaXa
O evento, que se celebrará o 17 de maio no porto de Burela, reunirá artesás do encaixe de diferentes lugares para compartir tradición e coñecemento
palilleiras-traballo
20 Mar 2025

O porto de Burela converterase o vindeiro 17 de maio no epicentro da artesanía e do encaixe tradicional co XV Encontro de Palilleiras, organizado pola Asociación Cultural e Artesanal de Mulleres Palilleiras "As Encaixeiras" en colaboración co Concello de Burela e diversas entidades patrocinadoras. Esta cita, xa consolidada no calendario cultural galego, busca poñer en valor o labor das palilleiras, promover a tradición do encaixe e fomentar o intercambio de coñecementos entre artesás de diferentes puntos de Galicia e doutras rexións.

A xornada dará comezo ás 10:30 coa recepción das participantes, seguida dunha demostración de traballos en encaixe ata as 13:30. Ás 11:30 terá lugar o acto de inauguración, e ao mediodía os asistentes poderán gozar dunha degustación de empanada de pescada, así como dunha visita ao Monte Castelo e á igrexa da Vila do Medio. Xa pola tarde, as demostracións continuarán a partir das 16:00, seguidas dun sorteo de agasallos ás 17:30 e a despedida ás 19:00. A xornada estará amenizada por Arume, con actividades de globoflexia e pintacaras para os máis pequenos.

Ademais, o evento inclúe un programa complementario que ofrece visitas ao Barco Museo Boniteiro "Raíña do Carme" e ao Museo Histórico, así como a posibilidade de admirar os murais da Cofradía de Pescadores. As persoas interesadas tamén poderán participar nun obradoiro impartido por Marisa Hermida, cun grupo reducido e previa inscrición.

As prazas para participar no encontro estarán abertas ata o 4 de maio. As asistentes que desexen xantar poderán facelo en diversos establecementos colaboradores da vila. Unha vez máis, Burela reivindica o seu papel como referente na promoción da artesanía e a cultura mariñeira, nunha celebración que une tradición, arte e convivencia.

⚙ Configurar cookies
0.082238912582397