O XV Encontro de Palilleiras de Burela celebrarase o vindeiro 17 de maio

AMariñaXa
A xornada busca reivindicar o valor do encaixe artesanal e o papel das mulleres na tradición cultural galega
presentacion-xv-encontro-de-palilleiras-de-burela
Presentación do XV Encontro de Palilleiras de Burela
16 Apr 2025

A Asociación cultural e artesanal de mulleres palilleiras As Encaixeiras e o Concello de Burela organizan o XV Encontro de Palilleiras, que terá lugar o sábado 17 de maio na vila mariñeira.

Trátase dunha xornada dedicada a poñer en valor o traballo artesanal das palilleiras, con demostracións en vivo, actividades culturais, degustacións gastronómicas e sorteos, nun ambiente festivo para todos os públicos.

O programa comezará ás 10.30 horas coa recepción das participantes, seguida dunha ampla demostración de traballos artesanais durante toda a mañá. A inauguración oficial está prevista para as 11.30 horas e media hora máis tarde terá lugar unha degustación de empanada de pescada, acompañada dunha visita ao Monte Castelo e á Igrexa da Vila do Medio.

Tras unha pausa para a comida, de 14.00 a 16.00 horas, retomarase a actividade cunha nova sesión de demostracións ás 16.00 horas. O día culminará co sorteo de agasallos ás 17.30 horas e a despedida ás 19.00 horas.

Ademais, ao longo do día haberá un programa complementario que inclúe a visita ao Barco Museo Boniteiro “Raiña do Carme” e ao Museo Histórico de Burela, así como a posibilidade de admirar os murais da confraría de pescadores. Tamén se realizará un obradoiro-cápsula a cargo de Marisa Hermida, dirixido a un grupo reducido, polo que será necesaria inscrición previa. A xornada estará amenizada por Arume e incluirá actividades para os máis pequenos, como globoflexia e pintacaras.

A alcaldesa de Burela, Carmemla López, destacou que “este encontro é unha homenaxe ao traballo silencioso e minucioso das palilleiras, que manteñen viva unha arte que forma parte do noso patrimonio cultural”. Engadiu tamén que “é unha cita consolidada no calendario local, que pon en valor o papel das mulleres na transmisión da tradición e dinamiza o noso municipio desde o punto de vista cultural e económico”.

⚙ Configurar cookies
0.16407608985901