O xulgado absolveu ao alcalde de Barreiros de prevaricación pola concesión de 44 licenzas urbanísticas

TerraChaXa | AMariñaXa
O Xulgado do Penal número 2 de Lugo absolveu o alcalde de Barreiros, os cinco concelleiros que formaban a Xunta de Goberno Local en 2006 e a entón arquitecta municipal do delito de prevaricación urbanística do que estaban acusados pola concesión, durante ese ano, de 44 licenzas para construír case 3.
11 Feb 2019

O Xulgado do Penal número 2 de Lugo absolveu o alcalde de Barreiros, os cinco concelleiros que formaban a Xunta de Goberno Local en 2006 e a entón arquitecta municipal do delito de prevaricación urbanística do que estaban acusados pola concesión, durante ese ano, de 44 licenzas para construír case 3.500 vivendas no municipio. O xuíz indica na sentenza que existen “certas dúbidas” sobre se a actuación dos sospeitosos foi “totalmente legal ou axustada á lexislación vixente”, pero salienta que non quedou acreditado que estivese “desprovista de toda interpretación razoable do ordenamento xurídico aplicable á materia sobre edificación e plan urbanístico existente no Concello de Barreiros”.
A sentenza sinala que a actuación dos imputados tiña “certo soporte legal, por canto cabía entender a posibilidade de atoparse ante chan consolidado debido á existencia de redes de servizos e subministracións nas parcelas, de modo que puidesen adquirir a condición de solares con obras accesorias”.
O maxistrado sostén que da proba practicada non se probou “cunha claridade meridiana” que os acusados actuasen “a sabendas da inxustiza que cometían á hora de aprobar as licenzas”. Así, destaca que se atopaban ante “informes técnicos favorables en todos os casos e xurídicos favorables ou confusos, salvo nun par de casos que eran claramente desfavorables, ou sen informe xurídico”. Contra a resolución, que foi notificada hoxe, cabe presentar recurso ante a Audiencia Provincial.

0.18179202079773