O XIX Mercado de Primavera encherá O Valadouro de música, tradición e diversión familiar

AMariñaXa
O evento celebrarase o 22 de marzo con pasarrúas, concertos, actividades infantís e unha ruta de tapeo
Mercado-valadouro-programa-2025
19 Mar 2025

O Valadouro prepárase para acoller o XIX Mercado de Primavera, unha xornada repleta de cultura, música e tradicións que terá lugar o sábado 22 de marzo de 2025. Desde as 10:00 da mañá ata as 19:00 da tarde, os postos do mercado encherán as rúas de artesanía, gastronomía e produtos locais.

A xornada estará animada por pasarrúas con agrupacións como Dambara, Amado Lar, Noroeste, Os Caliqueños, Los Támega e Festicultores Troupe. Ademais, na praza de Santa María, haberá concertos a cargo de Abóbriga (sesión vermú) e Nimbos (concerto de peche do mercado).

Para as familias, a programación inclúe espectáculos de títeres con Mircromina Teatro, maxia con David Méndez e teatro familiar con Inventi. Pola tarde, no aparcadoiro municipal, os máis pequenos poderán gozar de xogos tradicionais con Xotramu e paseos en poni.

O Mercado de Primavera tamén contará con actividades como a ruta de tapeo polos establecementos hostaleiros, demostracións de oficios tradicionais, un desfile de zocas e vestimenta, un concurso de carros decorados e moito máis.

O evento está organizado polo Concello do Valadouro e conta coa colaboración da Xunta de Galicia. Nos vindeiros días darase a coñecer o programa completo con horarios e localizacións detalladas.

⚙ Configurar cookies
0.24332308769226