O XII Encontro de Palilleiras de Burela acollerá unha exposición de abanicos que van do século XVIII en diante
Burela acollerá o XII Encontro de Palilleiras, que se celebrará o 25 de maio. Unha das novidades deste ano será unha exposición de abanicos desde o século XVIII ata a actualidade de Elena Díaz que, segundo a organización, nunca fixo ningunha mostra en Galicia. A presentación do evento, celebrada este mediodía, contou coa presenza do alcalde, Alfredo Llano, e a presidenta da asociación As Encaixeiras, Paqui Romo, ademais de representantes da confraría de pescadores, da Fundación Expomar, da xefatura territorial do Mar, así coma os concelleiros de Turismo, de Servizos Sociais e do Mar, entre outros.
O alcalde, Alfredo Llano, salientou que “o mes de maio vai ser especialmente activo no concello de Burela, vai haber moitas celebracións deportivas, Expomar, o encontro de palilleiras, vai haber moitas actividades. Destaco a Feira Náutico Pesqueira Expomar, que vai ser do 9 ao 12, que vai traer moita xente a Burela. É un evento practicamente dirixido ao sector náutico pesqueiro, pero tamén está aberto a que poida participar calquera persoa que estea interesada no encontro empresarial e nas xornadas técnicas”.
O rexedor engadiu que “no mesmo recinto que se vai celebrar Expomar tamén imos ter o XII Encontro de Palilleiras que será o 25 de maio. O Concello está colaborando porque interesa que estas actividades atraian a moita xente porque sempre se favorece que se coñeza o noso pobo, pero tamén traen consigo algún beneficio económico e social, polo tanto imos estar apoiando ás Encaixeiras”.
Alfredo Llano dixo que “vai haber unha exposición, que a min me parece moi interesante porque é arte, cuns abanicos que son dos séculos XVIII e XIX ata a actualidade, e mostrará como se facían os encaixes e como se aplicaban aos abanicos. É unha novidade este ano e imos aproveitala para atraer á xente a que veña a este encontro de palilleiras. Vai ser un mes de maio moi importante para o noso concello, e este encontro vai ser un complemento extraordinario para favorecer as visitas ao noso concello, que é o que queremos e que se vaian todos moi contentos”.
Pola súa banda, a presidenta da asociación As Encaixeiras, Paqui Romo, explicou que “a cita vai ser o día 25 de maio, en horario de dez da mañá ata as sete da tarde, parando ao mediodía de dúas a catro e media. O atractivo deste ano é que imos ter unha exposición de abanicos dos séculos XVIII e XIX ata a actualidade, a cargo de Elena Díaz, e que estará durante todo o día. Imos ter a degustación de empanada de merluza, as visitas guiadas para coñecer o pobo e a xente palillando. Tamén imos ter unha exposición de traballos feitos por nosoutras”.
Sobre a participación no XII Encontro de Palilleiras indicou que “polo momento é demasiado cedo para dicir cantas estaremos porque todos os anos pasa igual, a xente apúntase a última hora e quince días antes é cando o sabemos. O ano pasado fomos 750 e este imaxino que será parecido”.