O Xara Fest, o primeiro festival de música underground de Ribadeo, chegará en setembro
O día 2 de setembro, sábado, celebrarase en Ribadeo, concretamente no Cantón dos Moreno, o primeiro festival de música underground denominado Xara Fest. Está organizado por 4 mozos ribadenses: Alberto González Díaz, Alejandro López Pena, Mario González García e Javier López do Río.
Os organizadores explican: “a nosa motivación, como di o manifesto que temos nas nosas redes, é ofrecer aos mozos da zona un tipo de lecer moi estendido, pero que lamentablemente non se atopa nin na Mariña Lucense nin no Occidente asturiano, polo que para poder gozar del debemos ir normalmente a outras cidades como Santiago ou Xixón”.
A organización do Xara Fest destaca que “neste proxecto colaborarán o Concello de Ribadeo, a Comisión de Festas de Ribadeo, a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia, así como algúns patrocinadores privados que anunciaremos proximamente. O festival terá lugar o 2 de setembro e a nosa intención é que se prolongue ao longo de todo o día, con diferentes actividades que iremos anunciando nas nosas redes sociais ata a data do evento e comezando os concertos sobre as 19 horas. A entrada será gratuíta e poderase gozar de varias actuacións de diferentes artistas relacionados co xénero underground e coñecidos a nivel nacional. As confirmacións destes artistas comezaron esta semana co anuncio dos raperos madrileños Ergo Prol e Ill Pekeño, a través dun vídeo no que eles mesmos dan a coñecer a súa actuación. Trátase de dous artistas de gran relevancia na actualidade, situándose entre os máximos expoñentes do rap no noso país, que contan por millóns as reproducións dos seus temas en Spotify e que tamén anunciaron unha xira por toda España na que se inclúe Ribadeo. En canto aos demais artistas iremos revelando nas próximas semanas a través das nosas páxinas de instagram, facebook e tik tok”.
Para finalizar os promotores deste evento en Ribadeo comentan que seguen buscando financiamento para o Xara Fest, “polo que se algunha empresa está interesada en aparecer no cartel ou en axudar coa cantidade económica que considere que non dubide en contactarnos”.