O xacemento da Roda de Barreiros segue en perigo pola falta de protección

O xacemento arqueolóxico da Roda de Barreiros, situado en Santiago de Reinante (Barreiros, Lugo), continúa en estado de abandono, comprometendo a súa conservación. Recentemente, membros das asociacións ADEGA e Mariña Patrimonio alertaron sobre a presenza de rodeiras de maquinaria pesada tanto na área arqueolóxica como na súa contorna de protección, evidenciando o seu uso como zona de acopio de madeira. Esta situación provocou un forte impacto sobre o xacemento, debido á circulación intensiva de vehículos pesados.
Escavado en 2006 durante as obras da Autovía do Cantábrico (A8), este enclave do Bronce Medio leva case dúas décadas sen medidas de protección nin mantemento. A retirada da capa de solo durante a escavación deixou os estratos arqueolóxicos expostos aos efectos do clima e ás intervencións humanas, acelerando o seu deterioro. A recente actividade con maquinaria pesada intensificou os danos, con pegadas a escasos metros das estruturas do xacemento.
ADEGA e Mariña Patrimonio levan anos denunciando a situación ante as administracións. En 2013 e 2022, presentaron queixas ante a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, sinalando a responsabilidade do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana no abandono e degradación do xacemento. Os últimos acontecementos confirman a falta de protección efectiva: a maquinaria pesada deixou marcas a menos de tres metros da entrada do recinto, a menos de un metro dunha das catas abertas no foxo e a apenas dous metros do parapeto na zona sur. Ademais, a 25 metros da estrutura principal, os traballos con maquinaria provocaron un importante movemento de terras e a retirada de piñeiros de raíz, afectando o subsolo da zona protexida.
A conservación do patrimonio arqueolóxico é unha responsabilidade das administracións públicas. Resulta inaceptable que un ben de tal valor histórico leve case dúas décadas en deterioración sen que se adopten medidas efectivas para a súa protección.