O X Ribadeo Indiano homenaxeará a Ramón González, un símbolo da filantropía local

AMariñaXa
A edición de 2025 estará marcada polo centenario do pasamento do indiano, e incluirá un concerto de Los Van Van como colofón dun programa que encherá de vida as rúas entre o 11 e o 13 de xullo
Ribadeo-Indiano-2024
9 May 2025

O Ribadeo Indiano alcanza neste 2025 a súa décima edición, e faino cunha dedicatoria especial: o evento xirará arredor da figura de Ramón González, un dos indianos máis lembrados e xenerosos da vila, no ano no que se cumpren cen anos do seu falecemento. A iniciativa, promovida polo Concello de Ribadeo e a asociación Acisa, foi presentada este xoves xunto ao cartel oficial.

O alcalde, Dani Vega, sinalou que “o Ribadeo Indiano é moito máis ca unha festa: é unha reivindicación da nosa identidade, do noso pasado e da pegada que deixaron aqueles que un día partiron e logo regresaron con ganas de contribuír ao ben común”. Nesta ocasión, explicou, a escolla de González como figura central busca render tributo “a quen, logo de facer fortuna en Arxentina, dedicou boa parte da súa vida e dos seus recursos a mellorar Ribadeo”.

Natural da vila, Ramón González estudou Náutica e Comercio antes de emigrar a América. Alí comezou como empregado, logrou ascender profesionalmente e fundar a súa propia empresa. Tras máis de vinte anos en terras arxentinas, retornou a Ribadeo convertido nun filántropo convencido. Entre outras achegas, presidiu a Sociedade La Concordia, formou parte do Ateneo ribadense —ao que doou materiais e fondos—, impulsou as festas locais, colaborou na construción do Teatro e financiou a praza de abastos. En 1922 foi nomeado fillo predilecto da vila, que lle organizou unha gran homenaxe xunto a La Concordia e o Ateneo.

Para Vega, “é unha figura á altura do que queremos celebrar nestes dez anos de historia indiana, cheos de memoria, arquitectura, cultura e compromiso co noso”. O rexedor tamén anunciou un dos pratos fortes do cartel: o concerto da lendaria orquestra cubana Los Van Van, que se celebrará o domingo 13 de xullo, pechando tres días de festa, música, exposicións, animación e reencontros.

Desde Acisa, a súa presidenta Carmen Cruzado Iglesias destacou que a escolla de González “non é casual”, xa que tamén tivo un papel relevante noutras cidades galegas como Vigo, Santiago ou O Porriño, vila natal da súa esposa, onde deixou tamén unha forte pegada como benefactor de varias infraestruturas públicas. “Este ano queremos que Ribadeo se volva vestir de branco, de historia e de emoción para honrar a todas esas persoas que, como el, marcharon e logo axudaron a medrar ao seu pobo”, explicou.

Cruzado engadiu que “o programa definitivo está xa practicamente pechado e será presentado nas próximas semanas”. Tamén quixo agradecer “a implicación do Concello, o apoio da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia, así como o traballo conxunto de todas as persoas que fan posible que esta cita siga sendo a gran festa do verán na comarca e unha referencia en toda Galicia”.

⚙ Configurar cookies
0.17089796066284