O X Ribadeo Indiano homenaxea a Ramón González cunha ampla programación cultural e musical

Ribadeo prepárase para vivir unha nova edición —a décima— do seu evento máis emblemático: o Ribadeo Indiano. A vila mariñeira volverá mergullarse nas lembranzas da emigración a América entre os días 11 e 13 de xullo, nunha festa que este ano rende homenaxe á figura do filántropo Ramón González, nacido na rúa San Roque. A presentación oficial do programa tivo lugar este martes fronte á casa natal do homenaxeado, nun acto que congregou representantes institucionais e membros da sociedade civil.
O xornalista e investigador Martín Fernández Vizoso será o encargado de ler o pregón inaugural. O alcalde de Ribadeo, Dani Vega, destacou o seu coñecemento da figura de González e agradeceu o seu compromiso: “Martín vai explicarnos quen foi Ramón González, un filántropo que deixou pegada na Praza de Abastos ou na Orde Terceira, e tamén da súa muller, Corona. Esta edición é unha homenaxe á súa xenerosidade e compromiso social”.

Vega reivindicou o valor do evento tanto a nivel histórico como económico: “O Ribadeo Indiano é unha oportunidade para lembrar a nosa historia, pero tamén unha inxección económica que supera os 3 millóns de euros, que se deixan sentir no tecido empresarial, na hostalería e no comercio”. Tamén puxo en valor a colaboración pública e privada: “As administracións somos colaboradoras necesarias, pero temos tamén filántropos que seguen a contribuír activamente”. O rexedor quixo recoñecer o labor de Víctor Moro, grazas a quen este ano actuarán os míticos Van Van de Cuba: “Víctor financia a actuación e o Concello encárgase da hospedaxe e alimentación. É un exemplo de compromiso coa súa terra”.
A presidenta de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado, subliñou o impacto que o Ribadeo Indiano ten para a economía local: “É a cita máis agardada pola hostalería e polos hoteis, pero tamén polos comercios, que se enchen de sombreiros, pamelas, traxes e complementos típicos. Todo se tingue de branco e ulirá ás Américas. A vila énchese de vida e de visitantes que veñen vivir esta experiencia única”.
A programación inclúe charlas, exposicións, obradoiros de baile, visitas teatralizadas, unha xincana para familias, o tradicional Mercadiño de Ultramar e moita música. A Deputación de Lugo achega este ano 23.000 euros a través dunha colaboración excepcional con Acisa para actividades como concertos, actividades infantís, decoración urbana e mesmo o sorteo dunha viaxe cultural a México.
A deputada de Cultura, Iria Castro, destacou os dez anos de traxectoria do evento como “unha aposta pola memoria colectiva, pola identidade e pola divulgación da historia común entre Galicia e América”. Acompañada polo deputado de Rural e Mar, Daniel García, puxo en valor a implicación veciñal: “O éxito do Ribadeo Indiano débese ao seu carácter participativo. É un evento que naceu no 2014 e consolidouse co apoio de asociacións, colectivos e da veciñanza, que se identifica con esta historia compartida”.