O viveirense Suso Martínez recibe o premio Pérez Lugín
O periodista viveirense Suso Martínez López é o gañador do LXXX Premio Pérez Lugín, que concede Asociación da Prensa da Coruña e que este ano levaba por lema Xornalismo e vida universitaria: a canallesca máis aló da Casa da Troia. O galardón, que está dotado con tres mil euros, está organizado coa colaboración do Concello da Coruña.
Suso Martínez presentou o texto titulado Aqueles homes bigotudos do século XIX, baixo o pseudónimo de Chevalier de Pas, no que realiza un percorrido pola Coruña de finais do XIX, a Belle Epoque, Casás e a carrilana a Santiago como personaxes principais.
O gañador, que naceu en Suíza hai 43 anos, con orixes en Viveiro e Ortegal, é licenciado en Xeografía e Historia e Dereito pola Universidade de Santiago. É actor e guía de turismo na Coruña. Escribiu varias publicacións sobre a historia e o patrimonio da cidade e colabora desde hai anos en diversos medios de comunicación.