'A Carmela: lancha de salvamento que ninguén salvou', polo viveirense Paco Salgueiro
O viveirense Paco Salgueiro vén de presentar o seu novo documental ‘A Carmela: lancha de salvamento que ninguén salvou’. Esta curtametraxe recolle a historia da primeira lancha de salvamento na costa de Lugo, a Carmela.
Os numerosos naufraxios ocorridos nas costas españolas deu orixe en xullo de 1971 á creación da Cruz Vermella do Mar, foi ao amparo de Cruz Vermella Española que presidía por entón Francisco Queipo de Llano.
Foi en novembro de 1980 cando chega a Burela A Carmela, a primeira embarcación da Mariña dedicada expresamente a salvamento marítimo. Construída nos estaleiros e talleres Celaya de Erandio en Bilbao. Nesas mesmas datas se fixo entrega da súa xemelga a Ara Solis pero con base en Fisterra. Coa Carmela, chegou tamén a Cruz da Victoria, actualmente depositada no peirao de Luarca e unha semana despois as de Ribeira e a de Cedeira.
"Foi amadriñada por Carmela Arias y Díaz de Rábago, condesa de Fenosa, que aportou fondos para armala en Bilbao a principios dos anos 80 xunto, despois a Fundación Barrié de la Maza aportaba fondos para a súa operatividade durante varios anos, uns 1.800 euros da época", conta Salgueiro. Asistiron á entrega ou botadura, unha sobriña da condesa, o axudante de mariña de Viveiro, Sabino Collazo; de Ribadeo, Pedro Fernández; e o delegado da Cruz Vermella en Burela, Jaime Costas Rodríguez.
Cando empezou os seus labores de salvamento en Burela, A Carmela contaba con tres dotacións de voluntarios, con patrón, motorista e mariñeiro cada unha, tamén foron moitos os veciños que fixeron o servizo militar como voluntarios nela.
"Prestou servizo de salvamento durante 21 anos, dende 1980 a 2001, nos cales participou en centos de intervencións auxiliando a náufragos, remolcando buques, apoio en procesións e competicións náuticas, así como tamén en ofrendas florais a náufragos", engade Paco Salgueiro.
A mediados dos anos 90 a Salvamar Sargadelos, enviada pola sociedade estatal de salvamento marítimo, asumiu as tarefas da zona e tomou a substitución da Carmela.
Así, a partir do ano 2001 foi substituída pola Saturno, e o 24 de novembro do 2001 a Carmela foi enviada a Fisterra para seguir prestando servizos á Cruz Vermella, deixando de estar operativa no ano 2003 por distintas avarías.
Xa no ano 2005 o responsable de Cruz Vermella Burela, Ángel Fernández, xestionou o retorno da Carmela a Burela. E finalmente en xuño do 2021 chegou o seu triste e polémico final co seu desmantelamento.
"Nin Concello de Burela, nin Portos de Galicia, nin Salvamento Marítimo, nin Cruz Vermella nin calquera outra institución foron capaces de rescatar á rescatadora Carmela”, sinala Salgueiro.
No documental Salgueiro recolle distintos testemuñas dos voluntarios que tripularon a embarcación, tamén do señor Roca que presidía a Cruz Vermella cando a lancha chegou a Burela. "Foron moitos, xa que un bo número de veciños fixeron o servizo militar na mesma", sinala Salgueiro, "nas charlas mantidas faláronme dos rescates e dos múltiples actos onde solicitaron a súa presenza: deportivos, homenaxe a náufragos, procesións marítimas, etc. etc...ao final do documental tamén recollo a opinión de varios veciños sobre o final da Carmela".
"Con esta montaxe non pretendo buscar culpables do triste final da Carmela, o meu obxectivo quere ser salvagardar a memoria e as experiencias de todos estes veciños que traballaron na lancha de forma altruísta, en beneficio das xentes do mar", e engade, "espero conseguilo".