O vindeiro sábado comezará a veda da centola en Lugo

AMariñaXa
A veda da centola na provincia de Lugo comezará o 26 de xuño e permanecerá vixente ata o 27 de novembro, día incluído 
centola centollo
23 Xuño 2021

A veda da centola na provincia de Lugo comezará o 26 de xuño e permanecerá vixente ata o 27 de novembro, día incluído 

Así o establece a resolución pola que se aproba o plan de xestión da centola e do boi para a campaña 2021-2022, publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia e que neste caso establece vedas diferenciadas para as dúas especies. Este ano está prohibido extraer centola nas provincias da Coruña e Pontevedra desde as 00.00 horas do sábado 19 de xuño ata as 24.00 horas do sábado 6 de novembro. Na provincia de Lugo a veda prolongarase das 00.00 horas do sábado 26 de xuño ata as 24.00 horas do sábado 27 de novembro. 

Mentres, no caso do boi, a veda prolongarase en todo o litoral de Galicia desde as 00.00 horas do sábado 28 de agosto ata as 24.00 horas do sábado 6 de novembro. 

Estes períodos de veda significan que queda expresamente prohibida a captura destas especies para todas as embarcacións por medio de calquera arte en augas de Galicia. De feito, as embarcacións dedicadas á captura de centola e boi con nasas deberán retiralas do seu calamento e levalas a porto. 

A veda é unha das medidas que contribúen a aumentar a biomasa e a regular a pesqueira da centola e do boi co fin de axustar a xestión pesqueira ao ciclo de vida das especies e así protexer a súa reprodución e favorecer unha explotación máis sustentable de ambos recursos. 

0.1885781288147