O vindeiro martes 1 comeza o IV Certame de Teatro Afeccionado de Lourenzá
O vindeiro martes, 1 de novembro, ás 20:30 horas dará comezo no multiusos Ponte de Cuñas o IV Certame de Teatro Afeccionado Concello de Lourenzá.
O concelleiro de Cultura, Manuel Arango Ron, anuncia que “a obra que abrirá o concurso será A morte morrida, unha divertida comedia representada polo grupo de teatro O Centiño, de San Martiño (Foz). A entrada terá un prezo simbólico de 3 euros. A programación completa deste certame, que se desenvolverá ao longo do mes de novembro, pode verse nas páxinas oficiais do Concello, nos folletos distribuídos en comercios e bares da localidade, nun panel que estará instalado na Praza do Concello e tamén se repartirán folletos os días das representacións. Antes de cada función repartiranse entre o público asistente, de maneira aleatoria, unhas tarxetas para que dean o seu parecer sobre a obra a concurso e desta maneira decidir cal delas leva o Premio do Público”.
As seguintes representacións serán os días 5, 6, 12, 13, 18, 19, 20 e 27 de novembro e gala de entrega de premios está programada para o 17 de decembro.
Este certame está organizado polo Concello de Lourenzá coa colaboración da Deputación de Lugo.
As obras e grupos seleccionados son:
- 1 de novembro - A morte morrida, de O Centiño, de San Martiño de Foz
- 5 de novembro - A liorta, de Avelaíña Teatro, de Pontevedra
- 6 de novembro - Pepa Loba, de Teatro Coles, de Coles (Ourense)
- 12 de novembro - Fatum, de Catre Teatro, de As Pontes (A Coruña)
- 13 de novembro - Sainetes, de Quemaistén, de As Pontes (A Coruña)
- 18 de novembro - Eres único, da Asociación Saúde Mental A Mariña, de Cervo
- 19 de novembro - E se todo se reducise ao amor, de Os Palimoquiños, de Lugo
- 20 de novembro - Vivan os noivos, de Adala Teatro, de Fazouro (Foz)
- 27 de novembro - O documento, de Ollomao, de Barreiros