O vindeiro 24 de maio terá lugar a celebración dos Maios de Viveiro
O vindeiro 24 de maio terá lugar a celebración dos Maios grazas a unha actividade organizada de forma conxunta pola Asociación de Comerciantes Centro Histórico de Viveiro e o Concello de Viveiro en colaboración cos colexios Lois Tobio, San Roque, Landro e Covas.
Participarán nesta festividade un total de 494 nenos e nenas que se xuntarán na praza Maior ás 12:00 horas, para percorrer posteriormente a rúa Margarita Pardo de Cela, avda de Cervantes, Vilar Ponte, Almirante Chicarro e Pastor Díaz, volvendo para finalizar á praza Maior, onde disfrutarán dun refrixerio. Para este desfile os participantes irán ataviados con motivos florais e cantando cancións dos maios, para o que contarán co acompañamento do grupo dos maios de Campo de Urraca.
Dende o Concello de Viveiro consideran que é fundamental fomentar e potenciar este tipo de celebracións propias da nosa cultura e tradición, evitando que se perdan e involucrando nas mesmas aos máis pequenos como garantía de futuro. Trátase dunha actividade que se vén recuperando nos últimos anos, cada vez con máis participación, á que pretendemos dar continuidade co fin de recuperar esta festividade anual, que antaño se celebraba en Viveiro e en outros moitos puntos da xeografía galega, para festexar o inicio da primavera.