O Vicedo volve mobilizarse para esixir atención sanitaria digna

A plataforma Médicos no Vicedo Xa convocou unha nova mobilización este domingo para reclamar unha sanidade pública de calidade. A marcha comezou ás 11:30 horas diante do Concello e rematou fronte ao centro de saúde local, acompañada por continuos cánticos que denunciaban o abandono da Atención Primaria no municipio.
Durante o percorrido, escoitáronse lemas como "tedes degradada a Atención Primaria", "Atención Primaria sempre necesaria", "médic@s no Vicedo xa" ou "conselleiro actúa que isto é culpa túa", reflectindo a indignación acumulada tralo que o colectivo cualifica como "dous anos de concentracións mensuais sen solucións reais".
Desde Médicos no Vicedo Xa lembran que a atención sanitaria non pode considerarse garantida mentres non se cubra o cen por cen do persoal de medicina de familia. A esta situación de precariedade engádese, segundo denuncian, a ausencia histórica de reforzos nos meses de verán para atender ás persoas desprazadas, o que sobrecarga aínda máis o xa escaso cadro de persoal.
A Plataforma Sanitaria da Mariña tamén estivo presente na protesta, manifestando o seu apoio á reivindicación e criticando duramente á xerencia do Servizo Galego de Saúde. “Non só non cobren as baixas, senón que agora tamén censuran aos centros que informan á veciñanza sobre a falta de médic@s ou os lugares e horarios alternativos para recibir atención”, aseguraron.
Dende a plataforma afirman que esta actitude contribúe a aumentar o malestar social e pode derivar en situacións de tensión ou violencia nas consultas. “Se a poboación está informada, pode actuar con responsabilidade. Pero se se oculta información, a frustración acaba estoupando contra quen está a aguantar o sistema: os profesionais sanitarios, que non son os culpables desta situación”.
As persoas convocantes reiteraron que non cesarán nas mobilizacións ata que se garanta un servizo sanitario completo, estable e adaptado á realidade do Vicedo, especialmente nos períodos con maior demanda asistencial.