O Vicedo volve á rúa para reclamar unha sanidade digna

O vindeiro domingo 1 de xuño, a veciñanza de O Vicedo volverá a alzar a súa voz nas rúas para esixir unha atención sanitaria pública digna. A mobilización está convocada polo colectivo “Médicos no Vicedo xa”, unha plataforma formada por asociacións culturais, deportivas e veciñais do municipio que desde novembro de 2023 organiza concentracións mensuais para denunciar a situación de abandono que sofre o centro de saúde local.
Foi precisamente unha directiva dunha asociación a que deu o primeiro paso, convocando unha reunión á que se sumaron múltiples entidades sociais do concello. Desde aquela, a mobilización cidadá non deixou de medrar. “O noso obxectivo é claro: defender o noso dereito a unha sanidade pública de calidade e poñer fin á desatención que estamos sufrindo”, explican desde o colectivo.
Na mobilización deste domingo lerase un manifesto que recollerá as principais demandas da veciñanza e servirá de punto de partida para novas accións de protesta. Ademais, instalarase un símbolo permanente e visíbel que servirá como recordatorio das reivindicacións do pobo de O Vicedo e como mostra do seu compromiso coa defensa do seu centro de saúde.
A plataforma afirma que esta loita non rematará ata que se garanta unha cobertura sanitaria axeitada e continua, que responda ás necesidades reais dun concello que leva demasiado tempo sufrindo os efectos dos recortes e da falta de persoal médico. “Queremos médicos no Vicedo. E queremosos xa”, conclúen.