O Vicedo: Ruta de Morgallón e río Sor
Unha boa parte dos máis de nove quilómetros de percorrido discorren por unha senda de pescadores achegado ao río.
Este sendeiro destaca pola beleza das ribeiras do río Sor e iníciase despois de pasar o núcleo do Morgallón, nunha grande explanada cun panel informativo.
Ao longo do percorrido, que discorre nunha boa parte por un sendeiro de pescadores achegado ao río, pódense observar os restos dunha antiga central hidroeléctrica en Batán, unha presa de retención, os restos dunha antiga telecadeira, que servía para que os pescadores cruzaran o río Sor, un antigo muíño de auga, un refuxio de pescadores e, por suposto, a beleza do lugar de Monte de Insua.
Despois de pasar Morgallón segue por unha estrada local ata a ponte que cruza o río en Monte de Insua. Dende aquí diríxese, dirección río arriba, á Ponte Ulló. Máis tarde atópase a mini central eléctrica de Batán xa abandonada, e despois unha antiga cadeira de ferro, que grazas a unha polea permitía atravesar o río que leva ata un fermoso muíño. Todos estes elementos fan do sendeiro un paseo inesquecible.
A presa de Ponte Ulló constitúe unha importante reserva piscícola e conta cun Centro de Precintaxe de Reos, capturadeiro e un pequeno laboratorio de incubación e alevinaxe, onde todos os anos se producen en torno aos 40.000 ovos de reo que se sementan nos pequenos arroios tributarios do coto e zonas libres de parte media do río (captúranse os reos cando soben a criar río arriba, retéñense tres meses e sóltanse para poboar o río).
Xusto onde se atopa a presa abandonada poderase facer un descanso para comer xa que hai un merendeiro con mesas e mesmo unha grellada. A partir de aquí termínase o tramo de monte e continuarase por pista asfaltada ata chegar de novo ao coche.
Despois de cruzar o istmo que separa os dous tramos do río, cóllese a pista de regreso que acompaña o curso, encaixado entre verticais ladeiras. Ao chegar outra vez a Monte de Insua e despois de cruzar a ponte, un sendeiro pola marxe dereita do río conduce ata outra telecadeira.
Trátase dunha ruta de sendeirismo homologada en setembro de 2001 pola Federación Galega de Montañismo coa inscrición PR-G 8 que percorre, na súa maior parte, a beira do Río Sor.