O Vicedo: ruta da costa
Esta ruta está homologada pola Federación Galega de Montañismo como Pequeno Percorrido Galego, PR-G 156.
Esta ruta lineal, descóbrenos a través de camiños e estradas, a espectacular costa litoral do Concello do Vicedo, con marabillosas praias, cantís, dunas, furnas e miradoiros naturais. Saíndo do porto de O Vicedo teremos a oportunidade de contemplar a fantástica paisaxe costeira, observando moitas aves e coñecendo a illa Coelleira, as praias de Area Grande, Xilloi, Caolín, Vidreiro, a Igrexa de San Estevo e antiga Fábrica de Salazón.
VALORES NATURAIS.
Comeza preto do porto pesqueiro, continuando a liña de costa e pasando por varias praias como a de Vidreiro para, posteriormente, pasar preto do faro de Castro e chegar a Caolín, pequena cala cunha area branca moi bonita. Esta costa é parte de dous Espazos Naturais, o ZEC (Zona de Especial Conservación) e ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves) Costa da Mariña Occidental que alberga importantes valores naturais.
A ZEC protexe a estreita franxa de costa, praias, cantís e dunas que están expostas ao mar aberto. Acollen unha interesante vexetación de cantís mariños coa presenza de varias especies únicas como as herbas de namorar e outra vexetación valiosa das dunas. Mentres a ZEPA protexe principalmente a franxa mariña acollendo interesantes aves mariñas como o pilro tridáctilo, o pilro escuro, o corvo mariño cristado, o carrán común e o mazarico real, sendo ademais especialmente importante pola poboación reprodutora de gabita que actualmente só nidifica nesta costa en Galicia.
HISTORIA E PATRIMONIO.
A praia de Caolín, debe o seu nome a un antigo lavadoiro de caolín asentado moi preto dela. Preto da praia poderemos ver unha antiga fábrica de salgadura, que tivo o seu auxe no século XIX e primeiro terzo do XX. Este sistema de tratamento do peixe, sardiña maioritariamente, foi moi importante para permitir a súa conservación no tempo e por tanto a súa comercialización. Destacable foi a organización do traballo xa que as mulleres incorporáronse masivamente a esta actividade.
En todo o percorrido pasaremos por diversas aldeas que conservan interesantes mostras de arquitectura popular.
Despois o carreiro segue un camiño tendido pola costa ata chegar a un desvío, previo á praia de Xilloi que nos leva ata a Igrexa do Vicedo que foi reformada no ano 1794. O seu retablo maior, neoclásico, presenta a lapidación de Santo Estevo. Segundo a tradición, a posta baixo o padroado deste santo nace dunha lenda que conta que unha noite de gran temporal apareceu un cadro coa imaxe do santo na praia de Xilloi, no lugar coñecido como “altariño”. Os veciños puxeron o cadro sobre un carro de bois, deténdose, xusto, no lugar onde se construíu a igrexa.
Continúase pola costa para chegar ao miradoiro e punto máis próximo desde a costa á Illa Coelleira, de gran interese ornitolóxico xa que moitas aves como o corvo mariño cristado aniñan con total tranquilidade.
A continuación, o carreiro vai alternando costa e montaña até chegar á escondida praia de Toxido. Desde ese punto o camiño segue a liña litoral para chegar ao miradoiro de San Román, desde onde hai unha impresionante vista sobre a Ría de Viveiro.
A continuación, empréndese a baixada á praia de Area Grande, desde onde se ve unha cruz de 5 m. que lembra un antigo naufraxio, chegando ao final da ruta.