O Vicedo recibe un novo investimento para mellorar a súa rede viaria

O Vicedo contará cun importante impulso para mellorar as súas infraestruturas viarias grazas a un novo paquete de actuacións anunciado pola Deputación de Lugo. En total, serán 331.781,78 euros os que se destinarán á reparación de dous tramos clave da rede provincial: a estrada LU-P-6401, que une Suegos con Falcoeira, e a LU-P-6402, que conecta o centro do municipio coa Cruz de Pardiñeira e o Cristo de Portapena.
Este investimento forma parte dun segundo plan provincial de mellora de vías, dotado con 3,5 millóns de euros, que permitirá actuar en máis de 120 quilómetros de estradas en toda a provincia. O anuncio foi realizado polo presidente da Deputación, José Tomé, quen subliñou a importancia de manter en bo estado a rede viaria para garantir a seguridade e a calidade de vida da veciñanza no rural.
Desde o grupo socialista no Vicedo lembran que esta actuación foi unha das prioridades trasladadas ao organismo provincial nunha reunión mantida a comezos de ano. “É unha moi boa nova para o noso concello”, sinalan, “porque permitirá mellorar a mobilidade, facilitar os desprazamentos cotiáns e, en definitiva, seguir avanzando na cohesión do territorio”.
O PSdeG-PSOE local agradece a receptividade da Deputación e comprométese a seguir traballando para que "O Vicedo e todas as súas parroquias sigan recibindo os investimentos que merecen".