O Vicedo programa máis de 10 actividades en xullo con rutas históricas, festas e charlas divulgativas

AMariñaXa
A cita estrela do verán será a 'VIII Romaxe Viquinga', os días 25 e 26 de xullo
o-vicedo-xullo
12 Jul 2025

O Concello de O Vicedo presenta unha ampla e variada programación sociocultural para o mes de xullo, cunha oferta que combina actividades de natureza, rutas históricas, festas tradicionais e propostas divulgativas, pensadas para todos os públicos e con especial atención á posta en valor do patrimonio local.

Dentro do ciclo 'Mércores de natureza', o día 16 de xullo haberá de novo actividades en kaiak polo Río Sor, incluíndo tanto a subida como a baixada do río, con saída desde o porto do Vicedo e regreso desde Riberias do Sor. Esta experiencia, cun custo de 20 euros e unha duración de 2 horas, permite descubrir un dos espazos fluviais máis emblemáticos da comarca.

As rutas interpretativas tamén teñen un lugar destacado na programación. Este sábado 12 de xullo, a ruta 'As Laxes, un balcón sobre a Coelleira' permitirá explorar a costa do Vicedo e gozar de vistas privilexiadas sobre a illa. O mércores 23 será a quenda de 'Os Moutillós, as pegadas dos normandos', un percorrido sobre a presenza viquinga na zona. E o día 30 pechará o ciclo a ruta 'Río Sor, mensaxes de paz e biodiversidade', cun itinerario de 9 km pola natureza da zona de Morgallón.

O mércores 16 de xullo, ás 20.30 horas, terá lugar na Casa da Cultura a charla 'Os microbios nos alimentos', impartida polo profesor Antonio Juárez, da Universidade de Barcelona. A actividade abordará cuestións relacionadas coa seguridade alimentaria e os microorganismos nos alimentos.

Festas populares: Turismo Rural e Romaxe Viquinga

Este sábado 12 celebrase a tradicional 'Festa do Turismo Rural' no Parque Eólico Riobarba, cunha xornada chea de actividades: misa ás 13.00 horas, degustación de produtos típicos ás 14.00 horas, campionato ecuestre ás 17.00 horas, entrega de premios ás 18.30 horas e baile final ás 19.30 horas.

A cita estrela do verán será a 'VIII Romaxe Viquinga', os días 25 e 26 de xullo. O venres 25 haberá pregón ás 20.30 horas, concertos e unha ruta de pinchos polos locais de O Vicedo. O sábado 26, na praia de S. Román, celebrarase o tradicional desembarco viquingo, obradoiros infantís e para adultos, demostracións de combate, música celta, teatro e un mercado artesanal con espectáculos nocturnos.

⚙ Configurar cookies
0.17011594772339