O Vicedo prepárase para un mes de xullo cheo de natureza, historia e tradición

O Concello do Vicedo vén de presentar a súa programación sociocultural para o mes de xullo, cun calendario repleto de actividades que combinan deporte, cultura, divulgación científica e celebracións tradicionais. A proposta abrangue dende rutas pola natureza ata conferencias, pasando por festas gastronómicas e a consolidada Romaxe Viquinga.
Os mércores serán días dedicados á natureza e á aventura. O 9 de xullo está prevista unha subida en kayak polo río Sor, cun percorrido de dúas horas dende o porto do Vicedo ata Ribeiras do Sor, cun prezo de 20 euros. O día 16 farase o traxecto inverso, tamén en kayak e coa mesma duración e prezo. Estas saídas contan con transporte en furgoneta e están organizadas por Actividades Estaca.
A oferta medioambiental complétase con varias rutas guiadas. O sábado 12 de xullo ás 10:00 celebrarase “As Laxes, un balcón sobre a Coelleira”, un roteiro de 8 km de ida e volta que parte da igrexa do Vicedo e chega ata o miradoiro das Laxes. O mércores 23 terá lugar a ruta “Os Moutillós, as pegadas dos normandos”, cun percorrido de 4 km para coñecer a historia vikinga da zona. Finalmente, o día 30, a actividade “Río Sor, mensaxes da paz e biodiversidade” percorrerá 9 km pola ruta Moragallón. Todas as visitas son gratuítas, pero requiren preinscrición en rutasgalicianorte@gmail.com ou no teléfono 634 63 14 61.
Tamén no ámbito do deporte, do 7 ao 11 de xullo terá lugar un curso de kayak dirixido a nenos e nenas maiores de 11 anos. A actividade desenvolverase polas tardes, de 17 a 19 horas, e será gratuíta, previa inscrición no 982 59 01 95.
No eido divulgativo, o mércores 16 ás 20:30 horas na Casa da Cultura terá lugar unha charla titulada “Los microbios en los alimentos”, impartida por Antonio Juárez, profesor da Universidade de Barcelona. Abordaranse cuestións como que son os microbios, por que estragan os alimentos ou como evitar riscos alimentarios.
O sábado 12 será tamén a xornada elixida para a Festa do Turismo Rural, que se celebrará no parque eólico de Riobarba. O programa inclúe misa solemne ás 13:00 h, degustación de produtos da terra ás 14:00 h, campionato ecuestre ás 17:00 h, entrega de premios ás 18:30 h e unha verbena a partir das 19:30 h.
O broche de ouro da programación chegará coa VIII Romaxe Viquinga, que terá lugar os días 25 e 26 de xullo. O venres celebrarase o pregón a cargo de Suso Martínez e haberá pinchos polos bares da vila. O sábado 26 a festa trasladarase á praia de San Román, onde terá lugar o tradicional desembarco viquingo. Haberá obradoiros, exhibicións de combate, música celta, espectáculos nocturnos e un mercado medieval para todas as idades.