O Vicedo prepárase para un Entroido cheo de festa e diversión

O Vicedo vivirá un Entroido moi especial o vindeiro 8 de marzo, organizado pola Comisión de Festas de Santo Estevo e Santa Lucía, formada por seis mozos e mozas do municipio. A xornada festiva arrancará ás 13:30 horas cunha sesión vermú amenizada polo dúo Selu e Alba, que se prolongará cun DJ. Durante este tempo, venderanse tapas de callos para acompañar a música.
Pola tarde, ás 17:00 horas, será a quenda dos máis pequenos, cunha festa infantil que incluirá inchables adaptados a distintas idades, desfile e premios aos mellores disfraces. Haberá tamén unha merenda-cena para os nenos e nenas.
A gran festa nocturna comezará ás 22:30 horas con desfile de disfraces e premios para os mellores clasificados en cada categoría. Ademais, sortearase unha cesta doada polos comercios e empresas do concello, poñendo o broche de ouro a unha xornada de alegría e diversión.

