O Vicedo prepárase para revivir as lendas viquingas cunha romaxe chea de música, combates e rituais

AMariñaXa
A cita incluirá espectáculos, desfiles, talleres e actividades participativas durante dúas xornadas de festa histórica
Romaxe-viquinga-O-Vicedo-presentacion-2025
23 Jul 2025

O Vicedo vivirá esta fin de semana unha auténtica viaxe ao pasado co regreso da Romaxe Viquinga, unha festa que mestura historia, mitoloxía e espectáculo. O evento, que terá lugar o venres 25 e o sábado 26 de xullo, ofrecerá dous días de intensa actividade con desfiles, batallas simuladas, talleres, música en directo e cerimonias inspiradas na cultura nórdica.

As celebracións arrancarán o venres no centro da vila, coa lectura do pregón a cargo do actor e guionista Suso Martínez e cun gran pasarrúas que encherá as rúas de música e combates entre viquingos e cristiáns. Asociacións como Cabaleiros Rías Altas, Hípica Celta, Gandalf ou Bergidum Templi serán as encargadas de dar vida a esta primeira noite, que contará tamén coa animación musical dos grupos Son do Sor e Os do 21.

O prato forte chegará o sábado na praia de Area Grande, en San Román, escenario do campamento viquingo e cristián e epicentro das actividades. A xornada abrirase cun desembarco viquingo e unha gran batalla campal, representada pola compañía Queiman e Pousa. Durante todo o día sucederanse exhibicións, talleres infantís, xogos tradicionais, espectáculos musicais e cerimonias como a voda viquinga ou o enterro ritual ao solpor.

O público poderá visitar as exposicións e participar en actividades como a escola de runas ou os xogos medievais, pensadas para todas as idades. A noite pecharase cun desfile de fachos, o simbólico enterro viquingo e o espectáculo final do Bruxo Queiman.

Desde a organización destacan o carácter familiar e participativo desta romaxe, que quere ser “unha festa de lendas, rituais e emocións, onde toda a veciñanza poida mergullarse na historia e sentir a forza da cultura viquinga”.

Pola súa parte, o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, subliñou a “rápida consolidación desta cita de recreación histórica, que acada a súa oitava edición consolidada como un dos principais reclamos turísticos da Mariña”. Ao respecto, destacou “o empuxe do Concello do Vicedo” e lembrou que a romaxe “contou co apoio do Goberno galego desde o primeiro momento”.

⚙ Configurar cookies
0.16078400611877