O Vicedo: o PSdeG-PSOE reclama un plan serio de saneamento e critica a falta de transparencia do goberno local

O grupo municipal do PSdeG-PSOE do Vicedo denunciou a falta de planificación do goberno local en materia de saneamento e instou o alcalde a actuar “con seriedade e transparencia” ante un problema que consideran esencial para a saúde pública, a calidade de vida e o respecto polo medio ambiente.
Desde a formación socialista explican que o saneamento dun concello abrangue tres elementos fundamentais: a rede de sumidoiros e alcantarillado, as estacións depuradoras de augas residuais (EDAR) e os bombeos e conducións intermedias que permiten transportar a auga cara ás instalacións de tratamento. “Cando unha parroquia carece destes servizos, as augas acaban en fosas sépticas, pozos negros ou mesmo en vertidos directos, o que supón riscos de contaminación e malos cheiros”, sinalan.
Os socialistas aseguran que levan meses pedindo un plan integral que permita coñecer o estado real da rede de saneamento municipal, establecer prioridades de actuación e solicitar axudas ás administracións competentes. “Non pedimos nada imposible, só un diagnóstico serio e un compromiso firme co medio ambiente”, subliñan.
Segundo explican, en xullo o alcalde negouse a debater a proposta presentada polo PSdeG-PSOE, alegando que “non era urxente e que dous meses máis non ían supoñer un problema”. “Pois si, dous meses máis importan cando falamos de augas residuais que chegan ao mar, ás leiras ou ás vivendas”, responderon desde o grupo socialista.
En setembro, engaden, o goberno local presentou unha emenda á totalidade para evitar o debate e negouse a realizar un estudo sobre o estado da rede. “O alcalde chegou a afirmar que xa sabían perfectamente cales eran as deficiencias, polo tanto non se ía facer ningún estudo”, apuntan. Porén, poucos días despois, en declaracións á prensa, o rexedor asegurou que “é preciso elaborar un plan que determine as necesidades e o custo da execución”.
Para o PSdeG-PSOE, esta contradición “demostra unha evidente falta de coherencia e planificación”. “A veciñanza merece un goberno que planifique, que sexa transparente e que trate con responsabilidade un asunto tan sensible como o saneamento”, conclúen.