O Vicedo mobilízase para reclamar máis servizos médicos

AMariñaXa
A veciñanza convoca unha manifestación o 27 de abril diante do Concello
manifestacion-medicos-vicedo-marzo-2025-2
17 Apr 2025

A preocupación polo estado da sanidade no Vicedo segue en aumento. A veciñanza, organizada baixo o lema "Médicos no Vicedo xa", sairá á rúa o domingo 27 de abril para esixir unha mellora na atención sanitaria no municipio. A protesta está prevista para as 11:30 horas diante do Concello, nun chamamento colectivo para reclamar solucións ante a falta de persoal médico.

Nos últimos meses, habitantes da localidade levan denunciando a precariedade na atención sanitaria, con dificultades para conseguir citas médicas e períodos prolongados sen facultativos no centro de saúde. Ante esta situación, os organizadores da manifestación animan a toda a poboación a participar, reivindicando un dereito esencial como é o acceso á sanidade pública de calidade.

O movemento veciñal subliña que esta mobilización non responde a intereses políticos, senón á urxencia de atopar solucións efectivas para garantir un servizo sanitario digno. "Non podemos permitir que un servizo básico como a sanidade se deteñan por falta de recursos", destacan desde a organización.

A manifestación do 27 de abril busca visibilizar o problema e apremar ás administracións para que adopten medidas que melloren a situación do centro de saúde do Vicedo. A poboación local espera unha resposta contundente por parte das autoridades competentes.

⚙ Configurar cookies
0.16704416275024