O Vicedo lanza as rutas 2025 cunha viaxe pola natureza, a historia e as lendas

O Concello de O Vicedo prepara unha nova edición de rutas guiadas para o verán de 2025, co obxectivo de achegar tanto á veciñanza como a visitantes á riqueza natural e cultural do municipio. En colaboración con Rutas Galicia Norte, a iniciativa leva por título “Rutas 2025 O Vicedo: Natureza Envolvente” e inclúe tres itinerarios diferentes, cada un con dobre convocatoria, para que todas as persoas interesadas poidan escoller data e tema segundo os seus gustos.
A primeira proposta, “As Laxes, un balcón sobre A Coelleira”, está pensada para quen busca paisaxes impresionantes e emocións fronte ao mar. A ruta inclúe tamén un percorrido polos “Misterios e lendas de Santo Estevo do Val”, achegando relatos locais que enriquecerán a experiencia. Terá lugar o mércores 7 de xullo e repetirase o sábado 16 de agosto.
A segunda proposta, “Os Moutillós, as pegadas dos normandos”, leva ás persoas participantes a explorar un antigo xacemento arqueolóxico na praia de Area Grande, onde a historia e o mar se dan a man. Esta ruta ofrece unha perspectiva única sobre o pasado medieval da zona, e desenvolverase os mércores 23 de xullo e 20 de agosto.
O ciclo péchase cunha proposta de natureza pura: “Río Sor, remansos de paz e biodiversidade”, unha ruta centrada na contorna fluvial do concello e na súa biodiversidade, sen esquecer os retos medioambientais que afectan á zona. As datas previstas para este percorrido son os mércores 30 de xullo e 27 de agosto.
Todas as rutas están organizadas por Rutas Galicia Norte, que garante unha experiencia segura e enriquecedora. Para obter máis información ou reservar praza, pódese escribir ao correo electrónico rutasgalicianorte@gmail.com. As persoas interesadas tamén poden acceder ás descricións detalladas e a outras novidades a través do código QR dispoñible nos carteis oficiais e nas redes sociais de Rutas Galicia Norte.