O Vicedo estrea un novo sendeiro litoral entre Os Castelos e a praia de Fomento

O municipio do Vicedo conta desde hoxe cun novo sendeiro peonil que une Os Castelos coa praia de Fomento, unha actuación que supón a recuperación da antiga servidume de tránsito e a posta en valor da contorna costeira deste enclave da Mariña lucense. O trazado, de 395 metros de lonxitude, foi deseñado para garantir a accesibilidade mediante pendentes suaves e un percorrido completamente integrado na paisaxe.
Este novo tramo foi inaugurado polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, acompañado pola subdelegada en Lugo, Isabel Rodríguez, o alcalde do Vicedo, Jesús Novo, e o xefe da Demarcación de Costas en Galicia, Carlos Gil. Segundo destacou o delegado, “o sendeiro simboliza a nosa aposta por un litoral público, sustentable e accesible, abrindo un novo espazo de lecer nun enclave de alto valor natural e turístico”. A actuación, executada polo Servizo Provincial de Costas, supuxo un investimento de preto de 400.000 euros.
Pedro Blanco incidiu na importancia desta intervención para reforzar a conexión entre dous dos espazos máis representativos do Vicedo, recuperando un antigo paso costeiro e ofrecendo á cidadanía un novo espazo para o paseo e o desfrute da natureza. “Estamos a falar dun investimento que non só potencia o turismo, senón que tamén contribúe á conservación do litoral”, sinalou.
Desde o Goberno destacan que esta obra forma parte dunha liña de actuación máis ampla para a recuperación da costa lucense. “Levamos investidos máis de 5,5 millóns de euros desde 2018 en accións promovidas por Costas en toda a provincia de Lugo, que inclúen a restauración de ecosistemas dunares e a creación de novos sendeiros como este do Vicedo ou os executados en Foz e Barreiros”, apuntou o delegado.
O novo percorrido, de dous metros de ancho medio, favorece a mobilidade peonil nunha contorna de gran interese ambiental, mellorando o acceso á costa e permitindo aos visitantes gozar da riqueza paisaxística da zona con seguridade e comodidade.