O Vicedo celebra o XXXI Encontro Interxeracional de Avós e Netos o 15 de novembro

O Concello do Vicedo organiza unha nova edición do Encontro Interxeracional de Avós e Netos, unha cita xa clásica no calendario social do municipio que este ano chega á súa trixésimo primeira edición. A actividade celebrarase o 15 de novembro e reunirá a maiores e pequenos nunha xornada de convivencia, amizade e transmisión de valores entre xeracións.
Poderán participar todas aquelas persoas xubiladas e empadroadas no municipio, acompañadas dos seus cónxuxes —aínda que non estean xubilados— e dos seus netos e netas con idades entre 3 e 18 anos.
O prazo de inscrición permanecerá aberto desde o 27 de outubro ata o 12 de novembro, podendo formalizarse nas dependencias municipais dos Servizos Sociais. No momento da inscrición entregarase a entrada, que este ano contará cun pago simbólico de 3 euros por persoa adulta.
As persoas que desexen acudir como acompañantes e non figuren empadroadas no municipio tamén poderán participar, abonando o importe correspondente ao custo da comida no momento de anotarse.
A alcaldesa en funcións, María Pilar Otero Insua, destacou que “esta xornada é unha das máis entrañables do ano, un punto de encontro no que se reforzan os lazos familiares e se pon en valor o papel fundamental dos avós e avoas na educación e no coidado das novas xeracións”.
O evento, organizado polo Concello do Vicedo, forma parte da programación social e comunitaria municipal e busca promover o diálogo, o respecto e a unión entre xeracións, mantendo viva unha tradición que se celebra con gran participación e entusiasmo.